Samsung estrea un seguro para os seus móbiles de alta gama

mércores, 27 de decembro do 2017 Marcus Fernández

A compra de smartphones de alta gama vén acompañada en moitas ocasións da preocupación pola integridade física do novo terminal, que nos últimos anos teñen unhas pantallas moi avanzadas que no caso dun accidente poden supor un importante quebranto económico, de aí que existan seguros para paliar a situación aos que agora engádese o Samsung Mobile Care, dirixido aos móbiles Samsung Galaxy S7, S7 edge, S8, S8+ e Note8.
Este novo seguro contrátase durante 2 nos cun único pagamento de 129 euros ou a 5,99 euros/mes durante os 2 anos da cobertura, o que garante a reparación de danos en pantallas (como fendas ou roturas da pantalla, e do cristal traseiro no caso de afectar á funcionalidade do smartphone) e outros danos físicos que impidan o uso do terminal (ou sexa, quedan fóra da póliza os danos cosméticos).
Este seguro permite dar até 2 partes nos 2 anos da póliza e no caso de reparación recorrerá sempre a centros autorizados por Samsung nos que empreguen unicamente pezas orixinais. Cómpre salientar que por cada parte aceptado haberá que a aboar unha franquía de 79 euros.

PUBLICIDADE