Samsung estrea unha aplicación móbil para monitorizar o noso estado físico
luns, 2 de xullo do 2012
Durante a
presentación do Samsung Galaxy S III o fabricante
surcoreano insistía en que o novo terminal estaba “deseñado para os humanos” e avanzando nesta liña anuncian hoxe a dispoñibilidade de S
Health, unha aplicación persoal para o coidado persoal que recolle
información sobre a saúde do individuo para facerlle doado levar unha vida
saudable. Esta aplicación móbil é compatible cunha serie de sensores como o
medidor de glicosa en sangue de Livescan, os monitores de presión arterial de
OMRON (HEM-7081-IT) e A&D (UA-767-PBT-C) e a báscula con medición de
composición corporal de OMRON HBF-206-IT, permitindo transferir os datos
rexistrados nestes dispositivos ao móbil dun xeito automático.
S Health recolle a información rexistrada e crea gráficos e táboas para facer
doada de entender a información recollida, facilitando un seguimento do noso
estado físico para poder programar a nosa dieta, exercicio ou medicación. Para
os que gocen deste tipo de tecnoloxías para marcarse retos persoais, tamén é
posible integrar S Health con redes sociais, de xeito que a aplicación pode
enviar actualizacións á Rede a través de Twitter.
- S Health é compatible con numerosos dispositivos