Samsung estrea uns auriculares sen fíos con cancelación de ruído activa

mércores, 1 de abril do 2020 Marcus Fernández

Estes días non están carentes de novidades tecnolóxicas, pero mentres uns fabricantes realizan presentacións por streaming e notas de prensa, outros manteñen un perfil máis baixo, e así temos que Samsung incorporou silenciosamente ao seu catálogo en Corea do Sur os auriculares AKG N400, que curiosamente chegarán ao mercado a través dunha promoción na que se regala tal accesorio coa compra dun televisor QLED 8K.
Estes novos auriculares, que saen á venda a un prezo de 219.000 wons (163 euros) poderían considerarse unha versión mellorada dos Samsung Galaxy Buds+, cunha autonomía de até 12 horas e cun estoxo de carga que permite tanto a carga sen fíos (10 minutos de carga achegarían 1 horas de autonomía) como a carga rápida (completando a carga nunha hora). Pero o máis rechamante destes auriculares é que chegan con cancelación de ruído activa, algo que normalmente só teñen auriculares de prezos bastante superiores.
Os AKG N400 tamén facilitan o acceso a asistentes de voz con só realizar unha pulsación prolongada no auricular dereito, sendo compatible tanto con Bixby como con Siri e o Asistente de Google. Estes auriculares superaron a certificación IPX7, ou sexa, que poderían somerxerse a 1 metro de profundidade durante 30 minutos, polo que serían seguros para a práctica deportiva.
Confiamos en que este produto teña unha comercialización global, contribuíndo a popularizar a cancelación de ruído activa que tanto agradece certo perfil de consumidores.

PUBLICIDADE