Samsung facilita a integración no fogar dos dispositivos de IKEA

martes, 21 de abril do 2026 Marcus Fernández

A compañía de orixe sueca IKEA leva anos apostando firmemente polo fogar conectado con toda unha serie de dispositivos que van dende altofalantes ata lámpadas, pasando por sensores de distinto tipo, liña de produtos que podería dar un importante salto adiante grazas á colaboración con Samsung, compañía que está a anunciar o reforzo da súa plataforma de fogar intelixente SmartThings coa integración ampliada dos novos dispositivos compatibles con Matter de IKEA. Isto supón unha redución de custos e simplicación da adopción deste tipo de tecnoloxías entre o grande público.
A compañía surcoreana confirmou a compatibilidade directa con 25 dispositivos de IKEA baseados en Matter-over-Thread, entre os que se inclúen lámpadas intelixentes, enchufes, sensores ambientais e de movemento, así como detectores de fugas de auga. Esta integración elimina a necesidade de empregar simultaneamente hubs específicos de IKEA e SmartThings, permitindo que os dispositivos se conecten directamente ao ecosistema de Samsung.
A adopción do estándar Matter supón un avance relevante en termos de interoperabilidade, xa que facilita o funcionamento conxunto de dispositivos de distintos fabricantes baixo unha mesma infraestrutura. Neste caso, os produtos de IKEA poden integrarse tamén con electrodomésticos de Samsung (como televisores, sistemas de climatización ou lavadoras) e con outros dispositivos compatibles coa plataforma.
Un dos eixes desta actualización é o reforzo das funcionalidades orientadas ao coidado no fogar. A través de SmartThings Family Care, por exemplo, os usuarios poden monitorizar a actividade diaria de familiares mediante sensores de portas, mentres que os sensores ambientais permiten recompilar datos sobre temperatura, humidade ou calidade do aire. Estes datos son analizados pola plataforma para xerar recomendacións automatizadas, como axustar a temperatura do dormitorio a un intervalo de entre 19 e 21 graos para optimizar o descanso.
Ademais, o sistema permite crear rutinas automatizadas: activar o modo de deshumidificación do aire acondicionado cando aumenta a humidade ou enviar alertas inmediatas en caso de detectar fugas de auga son algúns dos exemplos prácticos desta integración.
No apartado de control, destaca a introdución dun mando con roda xiratoria que permite axustar con precisión parámetros como o brillo ou a temperatura de cor da iluminación. Este dispositivo tamén pode empregarse para controlar elementos como persianas, ofrecendo unha interacción máis intuitiva e orientada ao deseño.
Samsung subliña o seu papel na adopción temperá de Thread 1.4, un protocolo de rede de baixo consumo e curto alcance clave para o desenvolvemento de ecosistemas domésticos conectados. A súa implementación permite que redes Thread de diferentes marcas operen como un único sistema unificado, mellorando a estabilidade e a experiencia de usuario.