Samsung incluirá HDR10+ Adaptive nos seus novos televisores

mércores, 30 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Samsung anuncia hoxe que os seus novos televisores contarán con HDR10+ Adaptive, unha funcionalidade que mellora a experiencia de visualización do formato HDR10+ independentemente da iluminación que reciba o televisor. HDR10+ Adaptive é compatible co Filmmaker mode e adáptase a estancias máis luminosas para que os usuarios poidan gozar dunha experiencia cinematográfica cos vindeiros televisores QLED de Samsung.
Lembremos que o HDR está pensado para espazos escuros, de xeito que a iluminación da habitación, a hora do día ou a proximidade de fiestras poden estragar a experiencia, de aí que a nova funcionalidade anunciada por Samsung busque compensar a iluminación da habitación para mellorar a visualización dos contidos en HDR, para o que os televisores contan con sensor de luz.
Entre os títulos que tiran proveito do HDR10+ estarían os que se atopan en ultra alta definición dentro de Amazon Prime Video, sendo outra das compañías que promove esta tecnoloxía Universal Pictures.

PUBLICIDADE