Samsung lanza un pico proxector para smartphones

luns, 3 de decembro do 2012 Marcus Fernández

A proposta de Samsung de integrar un pico proxector no seu móbil Galaxy Beam parecía un tanto ousada, pois engadir tal elemento a un smartphone só para un uso moi ocasional podería non atender a unha necesidade de mercado, e vese que para unha maior versatilidade presentan agora esta funcionalidade como un accesorio de 116 x 64,4 x 12,2 milímetros e 108 gramos de peso que pode conectarse ao móbil por MHL/HDMI e que pode proxectar unha imaxe de 20 lumens de brillo cunha resolución de 640 x 360 píxeles.
O pequeno proxector para dispositivos móbiles EAD-R10 conta cunha batería de 1.650 mAh que achégalle unha autonomía de máis de 2 horas e xa está á venda en Corea do Sur a un prezo de 239.000 wons (168,96 euros). Unha interesante opción para usuarios viaxeiros que queiran realizar presentacións profesionais valéndose do seu smartphone coma fonte de vídeo, evitando así ter que cargar cun ordenador portátil cando visiten aos seus clientes.

PUBLICIDADE