Samsung leva o seu deseño de metal a terminais de gama media
venres, 31 de outubro do 2014
Samsung considera un acerto a súa nova liña de smartphones
con acabado premium, e comeza a
ampliala, de xeito que o GALAXY Alpha ten
agora dous irmáns, o GALAXY A5 e o GALAXY A3, que combinan funcionalidades
avanzadas con un deseño elegante, estando dispoñibles en varias cores (branco,
negro, prata, rosa, azul e ouro) para adaptarse aos distintos gustos do público.
Estes terminais cunha estrutura metálica unibody
destacan por ser os smartphones máis delgados da compañía surcoreana, cun grosor
de 6,7 e 6,9 milímetros o GALAXY A5 e o A3 respectivamente.
Os novos smartphones 4G de Samsung tamén gozan de cámaras frontais de 5
Mpíxeles, para optimizar a toma de auto-fotos, contando tamén con moitas outras
funcionalidades fotográficas, como a creación de GIF animadas, aplicar filtros
para mellorar as imaxes de rostros ou mesmo poder tomar auto-fotos coa cámara
traseira (para o que o móbil detecta a cara e realiza o seu enfoque automático
para poder tomar selfies coa maior
resolución posible).
Concretamente o Samsung GALAXY A5 ten unha pantalla Super AMOLED de alta
definición (1280 x 720 píxeles) cunha diagonal de 5 polgadas, un procesador de
catro núcleos a 1,2 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable
mediante tarxetas microSD de até 64 Gb), cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, Wi-Fi N,
Bluetooth 4.0, NFC, batería de 2.300 mAh, un grosor de 6,7 milímetros e un peso
de 123 gramos, mentres que o Samsung GALAXY A3 é semellante pero limitando
algunhas características como a súa pantalla qHD (960 x 540 píxeles) de 4,5
polgadas, só 1 Gb de RAM, unha cámara traseira de 8 Mpíxeles, unha batería de
1.900 mAh e un grosor de 6,9 milímetros, superando só ao seu irmán maior en ser
máis compacto e ter un peso de só 110,3 gramos.
- Os novos smartphones de Samsung potencian as auto-fotos con ambas cámaras