Samsung ofrece 6 anos de actualizacións para os seus novos móbiles de gama media

luns, 3 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Samsung aproveitou a celebración do MWC de Barcelona para presentar os novos móbiles Galaxy A56 5G, Galaxy A36 5G e Galaxy A26 5G, que destacan por, pese a non ser móbiles de alta gama, integrar funcións de intelixencia artificial e contar con 6 xeracións de actualizacións do sistema operativo Android e One UI (así como de actualizacións de seguridade).
Entre as funcións de IA que integran nos novos móbiles de Samsung temos o Cicle to Search (que facilita a busca dende a pantalla do teléfono), o borrador de obxectos non desexados das fotografías e permite crear filtros personalizados extraendo cores e estilos de fotografías existentes. No caso do Galaxy A56 5G tamén está dispoñible a función de Mellor cara, que permite elixir as mellores expresións faciais de ata 5 persoas nunha fotografía en movemento, para crear así a fotografía de grupo perfecta; e este smartphone tamén conta coas melloras de Nightografphy para conseguir boas fotografías en condicións de pouca luz.
O Samsung Galaxy A56 5G é o móbil máis potente dos presentados, cunha pantalla Super AMOLED Full HD+ de 6,7 polgadas e 1.200 nits de brillo protexida con Corning Gorilla Glass Victus+, procesador de 8 núcleos, cámara traseira tripla cun sensor principal de 50 Mpíxeles, un ultra grande angular de 12 Mpíxeles e un macro de 5 Mpíxeles, así como unha cámara frontal de 12 Mpíxeles, batería de 5.000 mAh (capaz de dar autonomía para ata 29 horas de reprodución de vídeo), marco de metal e resistencia IP67. Un móbil con boas prestacións que pode conseguir por dende 479 euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento na súa oferta de lanzamento.
O Samsung Galaxy A36 5G é un móbil moi semellante, que para reducir o seu prezo ata 419 euros con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento (aínda que tamén pode adquirirse con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento por 379 euros) limita as súas concesións á súa cámara ultra grande angular, que é de só 8 Mpíxeles.
O Samsung Galaxy A26 5G vai na mesma liña, e reduce a súa cámara macro ata os 2 Mpíxeles, conseguindo así que o modelo con 128 GB de almacenamento custe 299 euros e o modelo con 256 GB suba ata os 369 euros. Nesta ocasión a cámara frontal, aínda que medra ata os 13 Mpíxeles, en vez de estar nunha perforación na pantalla, está nunha cella central, deixando claro que estamos ante un dispositivo económico, pero que igualmente segue a ter a garantía de actualización dos seus irmáns maiores, polo que estamos ante unha serie de móbiles chamados a ter moi boa acollida no mercado.