Samsung podería amosar o seu smartphone con pantalla dobrable en novembro

martes, 4 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Hai preto dun ano o presidente da división móbil de Samsung, Koh Dong-jin, comentou que estaban a preparar un smartphone con pantalla dobrable que vería a luz en 2018 e, aínda que había rumores que apuntaban a dificultades no desenvolvemento de tal produto revolucionario, Koh reafirmouse nunha entrevista para a CNBC, asegurando que están a buscar que o dispositivo teña utilidades diferentes ás dunha tableta e que poderían presentar o trebello na Samsung Developers Conference que celebrarase en novembro.
Koh asegura que un teléfono con pantalla encartable podería servir para o mesmo que un smartphone ordinario, pero que ao despregar a súa pantalla tería que ter vantaxes de seu, que o diferencien claramente dunha tableta, porque en caso contrario non tería atractivo para os consumidores. Deste xeito podemos entender que actualmente o problema para Samsung non é a tecnoloxía de pantalla en si, senón o seu ámbito de aplicación, xa que hai que pensar na utilidade do produto para que esta innovación non remate no esquecemento como moitas outras.
Aínda que a presentación deste concepto de smartphone tería lugar en novembro, aínda non hai previsións sobre cando chegaría ao mercado, por múltiples motivos, pero o feito de que Samsung leve anos traballando no proxecto fai confiar que poida saír algo bo do mesmo aínda que a súa recepción inicial poida non ser todo o boa que desexarían (lembremos que cando chegaron ao mercado os Galaxy Note existía certo rexeitamento ás pantallas grandes, e actualmente son a norma no sector e incluso os primeiros tabletófonos de Samsung hoxe veríanse como smartphones de tamaño reducido).

PUBLICIDADE