Samsung podería apostar por maiores tamaños de pantalla nos seus novos móbiles insignia

luns, 11 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Imaxe de Phone Arena sobre a aparencia que poderían ter os futuros Galaxy S11

Esta semana chegará ás tendas españolas o Mi Note 10 cunha cámara de 108 Mpíxeles desenvolvida en colaboración con Samsung, o que leva a entender que a vindeira xeración dos smartphones Galaxy S incluirán sensores de tal resolución así como moitos outros detalles que están a rumorearse e filtrarse, aínda que haberá que agardar ao mes de febreiro para saber realmente como serán os futuros Samsung Galaxy S11.
Entre as filtracións que parecen máis cribles temos as de Evan Blass, quen asegura que o S11 chegará con 3 tamaños de pantalla diferentes (6,4, 6,7 e 6,9 polgadas) o que supón un importante incremento de tamaño, xa que o esquema actual de tamaños é de 5,8, 6,1 e 6,4 polgadas, ou sexa, que Samsung diría adeus aos seus dispositivos máis compactos, botándose especialmente en falta un equivalente ao Galaxy S10e, que non só tiña unhas dimensións moi contidas, senón que tamén tiña unha pantalla plana e un lector de pegadas lateral, de xeito que presentaba un deseño claramente distinto ao dos seus irmáns de gama.
Blass asegura que os novos modelos de S11 terán todos pantallas con bordes curvos, que as versións máis pequenas terán variantes con 4G ou 5G, mentres que o de 6,9 polgadas só estará dispoñible en versión 5G; e como principal dúbida sobre a información coa que traballa estaría o detalle de que o S11 máis cativo podería ter 6,2 polgadas en vez de 6,4 polgadas (o que continuaría a ser un tamaño bastante xeneroso).
Tamén hai informacións que apuntan a que os novos smartphones poderían contar con pantallas cunha alta velocidade de refresco (90 ou 120 Hz), e contarían con baterías bastante xenerosas, que nos modelos máis cativos estarían no contorno dos 4.000 mAh e que no modelo de maior tamaño podería superar os 5.000 mAh, o que comentan que podería ser para non ter problemas de autonomía baixo coas novas pantallas e/ou empregando redes 5G.
As filtracións chegan incluso a apuntar ás cores nas que estarían presentes os novos smartphones, aínda que realmente os produtos que están a desenvolverse nesas cores serían os novos Galaxy Buds, que previsiblemente irían a xogo cos novos móbiles insignia. As cores mencionadas serían azul, rosa, branco e negro (aínda que tamén espérase que estean dispoñibles modelos en gris dos móbiles).
En calquera caso vese que son moitos os movementos que estarían a producirse por parte de Samsung para conseguir manter os seus móbiles insignia en posicións líderes nun mercado cada vez máis competitivo, no que Apple recuperou bastante forza este ano, e no que Huawei está nunha posición difícil de avaliar a medio prazo.

PUBLICIDADE