Samsung pon á venda unha edición de luxo do Galaxy Z Flip

venres, 29 de maio do 2020 Marcus Fernández

O último smartphone encartable de Samsung, o Galaxy Z Flip, chamou a atención na súa presentación polo seu deseño e o importante salto que deu na tecnoloxía de pantallas encartables, aínda que o seu prezo de 1.500 euros deixaba claro que non era un produto para o público xeral, senón unha nova liña de produto que, para poder madurar, nace como un produto que busca máis captar ao público polo deseño que polas prestacións.
O feito de que Samsung fichase a Blanca Suárez para a súa campaña #somosSMARTgirl supón a ratificación desta estratexia da compañía surcoreana, que non busca que merquen o Galaxy Z Flip amantes da tecnoloxía, senón persoas que busquen produtos de luxo, elegantes e rechamantes, materia na que este smartphone saca boa nota e, non conformes con iso, decidiron aliarse coa firma de moda Thom Browne, e poñen á venda en España o novo Galaxy Z Flip Thom Browne Edition, que introduce as súas tradicionais liñas de deseño nun Galaxy Z Flip que chega acompañado cuns auriculares Galaxy Buds+ e un reloxo Galaxy Watch Active2, tamén con deseños de Thom Browne.
Esta edición limitada do Galaxy Z Flip pretende transmitir a sensación de trasladar ao usuario a un mundo de luxo e alta costura, para o que ten unha caixa de auténtico luxo e incluso integra iconas e sons no teléfono para conseguir unha estética acorde á marca neoiorquina.
Cómpre advertir de que este produto de edición limitada ten un prezo bastante superior á compra do Galazy Z Flip cuns auriculares e un smartwatch, xa que estamos ante un produto de luxo, que vén de pórse á venda a 2.600 euros.

O Galaxy Z Flip Thom Browne Edition é un produto claramente de luxo, que tende pontes entre os mundos da tecnoloxía e a moda
Blanca Suárez é a imaxe do Galaxy Z Flip en España, deixando claro que Samsung entende que este teléfono pode ter éxito entre un público que busca dispositivos rechamantes e de deseño coidado

PUBLICIDADE