Samsung prepara unha tableta de 18,4 polgadas

xoves, 22 de outubro do 2015 Marcus Fernández

O iPad Pro deixa claro que existe unha demanda de tabletas dun maior tamaño ao habitual (entre 7 e 10,1 polgadas), e nas últimas semanas rumoreábase que Samsung ía mover ficha mesa dirección, indo un paso máis aló, e agora fíltranse imaxes do que sería a Galaxy View, unha tableta con pantalla de 18,4 polgadas, que tería moi en conta o seu tamaño no seu deseño, de xeito que incluiría unha peaña para poder colocalo comodamente sobre unha mesa (con certa inclinación para facilitar a lectura) e incluso integraría unha especie de asa para facilitar a súa suxeición.
A nova tableta tamén prescindiría de botóns físicos, optando por botóns en pantalla, tendencia á alza entre moitos fabricantes, que agora aceptaría Samsung. Temos así un dispositivo pensado principalmente no consumo audiovisual trasladable fisicamente e na realización de videoconferencias (inclúe unha cámara Full HD), aínda que ao estarmos ante unha tableta con Android continuaría a servir para funcións moi variadas que van dende a produtividade até os xogos.

PUBLICIDADE