Samsung presenta a súa nova familia de teléfonos Galaxy A
mércores, 10 de abril do 2019
Samsung Electronics presentou hoxe de xeito oficial a nova
familia de teléfonos Galaxy A, composta polos terminais A10, A20e, A40, A50,
A70 e A80, que buscan achegar aos consumidores prestacións propias de teléfonos
premium a prezos asumibles, que ao
chegar nun amplo abano de modelos permite que cada consumidor poida atopar o
produto que máis se axuste ao seu orzamento.
Un detalle digno de mención é que os Galaxy A20e e A40 chegan con pantallas HD+
de 5,8 polgadas e Full HD+ de 5,9 polgadas respectivamente para adaptarse ao
público europeo, que está a demandar pantallas de tamaño contido (mentres que o
resto de terminais superan as 6 polgadas de diagonal).
O Galaxy A10 sería o modelo máis básico, con pantalla Infinity V de 6,2
polgadas e resolución HD+, corpo de plástico, 2 GB de RAM, 32 GB de
almacenamento interno, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles e batería de 3.400 mAh, que
claramente busca ser un dispositivo de entrada económico.
O Galaxy A20e xa daría un pequeno salto ao incrementar a RAM a 3 GB, a cámara
frontal a 8 Mpíxeles e optando por unha cámara traseira dual de 13 e 5
Mpíxeles, aínda que pode sorprender que só conte con 3.000 mAh, o que sería
consecuencia de contar cunha pantalla de só 5,8 polgadas (o que tería un
consumo claramente inferior).
O Galaxy
A40 xa sería un smartphone a ter máis en conta, xa que chega cunha pantalla
Infinity-U Super AMOLED Full HD+ de 5,9 polgadas, 4 GB de RAM, 64 GB de
almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB), cámara
frontal de 25 Mpíxeles e cámara traseira dual de 16 e 5 Mpíxeles. A súa batería
sería de 3.100 mAh e contaría con carga rápida de 15 watts. O seu prezo actual
é de 249 euros.
O Galaxy
A50 sería xa un modelo dun tamaño considerable, cunha pantalla Infinity-U
Super AMOLED Full HD+ de 6,4 polgadas, 4/6 GB de RAM, 64/128 GB de
almacenamento (ampliable mediante tarxetas microSD de até 512 GB), cámara
frontal de 25 Mpíxeles, cámara traseira tripla (de 25, 5 e 8 Mpíxeles), lector
de pegadas en pantalla e batería de
4.000 mAh con carga rápida). Tamén contaría con Samsung Pay. O seu prezo
oficial é de 349 euros.
O Galaxy
A70 contará cunha pantalla Infinity-U Super AMOLED Full HD+ de 6,7
polgadas, 6/8 GB de RAM, 128 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante
tarxetas microSD de até 512 GB), cámara traseira de 32 Mpíxeles, cámara frontal
tripla (de 32, 8 e 5 Mpíxeles), lector de pegadas en pantalla, Samsung Pay e
batería de 4.500 mAh. Ten un prezo oficial de 399 euros.
Vídeo promocional dos novos Galaxy A
O Galaxy A80 é o primeiro móbil de Samsung con pantalla reversible
E, finalmente, o móbil estrela sería o Samsung
Galaxy A80, que destaca pola súa nova pantalla Infinity Display de 6,7
polgadas, que carece de pestana superior e orificio para a cámara frontal
porque como solución para a súa cámara incorpora un mecanismo que fai que a súa
cámara tripla sexa reversible, de xeito que pode conseguirse a mesma calidade
por diante e por detrás grazas a un innovador mecanismo.
Este novo smartphone conta cunha cámara principal de 48 Mpíxeles acompañada por
un grande angular (de 123 graos) de 8 Mpíxeles e un sensor de profundidade,
conseguindo así facer vídeos con Live
Focus. Ten 8 GB de RAM, 128 Gb de almacenamento interno, lector de pegadas
en pantalla, Samsung Pay, marco de metal e batería de 3.700 mAh con carga ultra
rápida de 25 watts. Un teléfono cun deseño elegante, cómodo e orixinal que
podería ser o que popularice as cámaras reversibles (concepto co que
fabricantes como Oppo xogan dende 2013, pero que non callou nos
consumidores).
Vídeo no que podemos ver a cámara reversible do Galaxy A80 en funcionamento