Samsung presenta monitores con funcións de Smart TV

luns, 16 de novembro do 2020 Marcus Fernández

Samsung anunciou o lanzamento mundial do seu novo Smart Monitor, unha pantalla que quere combinar nun único dispositivo traballo, aprendizaxe e lecer, para o que conta con grande conectividade para móbil e PC; facilita o acceso remoto á oficina dende casa e a funcións de aprendizaxe; e tamén permite gozar de aplicacións propias dun Smart TV.
Temos así monitores que podemos conectar directamente a un ordenador persoal mediante cable ou servir de pantalla para smartphones proxectando a súa pantalla ou utilizando a función de Samsung DeX dos móbiles de alta gama de Samsung. Pero a cousa non queda aí, senón que tamén poden acceder ás aplicacións de Microsoft 365 sen necesidade dun ordenador persoal (ou sexa, que o propio monitor serve para editar documentos na nube) e facilita o acceso remoto a outros equipos.
Un detalle bastante importante deste monitor, de cara a manter un escritorio ordenado, é que o seu porto USB-C permite datos, visualización e alimentación (até 65 watts) cunha única conexión.
De cara ao lecer é moi interesante que o propio monitor teña función de Smart Hub, ou sexa, poida correr aplicacións como Netflix, HBO e Tube, podendo incluso manexarse mediante o asistente de voz Bixby, converténdose nunha opción moi atractiva para estudantes ou profesionais que queiran aproveitar o espazo de traballo para o consumo audiovisual sen precisar do emprego dun ordenador como dispositivo de reprodución.
Estes novos monitores chegan en 2 modelos: o M7 que ten unha pantalla cun tamaño de 32 polgadas e resolución 4K, e o M5, con resolución Full HD e tamaños de 32 e 27 polgadas.
Estas pantallas chegarán ao mercado a finais de mes.

JPEG - 179.5 KB
Os Smart Monitor de Samsung permiten gozar de moitas funcións sen a necesidade de ter un PC conectado

PUBLICIDADE