Samsung presenta novos monitores OLED para xogadores

mércores, 3 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Samsung levará ao CES de Las Vegas os seus novos monitores OLED Odyssey, que ofrecen un nivel de rendemento e nitidez visual capaz de satisfacer as demandas dos xogadores máis esixentes.
O modelo de maior tamaño sería o Odyssey OLED G9 (modelo G95SD) que contaría un panel de 49 polgadas cunha resolución de 5.120 x 1.440 píxeles (o que supón unha relación de aspecto 32:9, ou sexa, equivalente a xuntar dous monitores panorámicos); mentres que o Odyssey OLED G8 sería o primeiro monitor plano para xogos OLED de Samsung, cun panel de 32 polgadas e resolución 4K; ambos monitores terían unha velocidade de refresco de 240 Hz e un tempo de resposta GTG de 0,03 ms.
Por outra banda, o Odyssey OLED G6 sería tamén un monitor plano que limitaría o seu tamaño a 27 polgadas e a súa resolución a 2.560 x 1.440 píxeles, o que permítelle sorprender cunha velocidade de refresco de 360 Hz.
Os tres monitores incorporan a tecnoloxía OLED Glare-Free que minimiza os reflexos da luz, e tamén contan con certificación VESA DisplayHDR True Black 400, son compatibles con AMD FreeSync Premium Pro e inclúen 2 portos HDMI 2.1, DisplayPort 1.4 e concentrador USB. Para unha maior flexibilidade poden empregarse con soportes VESA, pero tamén contan cun soporte axustable en altura con puntos de control de inclinación, xiro e pivote.
No caso dos monitores Odyssey OLED G9 e G8 cómpre destacar que poden funcionar como un Smart TV (o que tamén facilita o uso de xogos en streaming sen necesidade de PC ou consola).

PUBLICIDADE