
O Samsung GALAXY Note 3 sairá á venda o 25 de setembro, e supón un incremento de tamaño da familia de tabletófonos de Samsung, presentando unha pantalla Super AMOLED de alta definición (1.920 x 1.080 píxeles) cunha diagonal de 5,7 polgadas, mantendo o terminal nun grosor de só 8,3 milímetros e cun peso de 168 gramos. Entre a súas especificacións tamén destaca que funciona con Android 4.3; integra cámaras de 13 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi AC, GPS, NFC, Bluetooth 4.0, infravermellos, MHL 2.0, unha xenerosa batería de 3.200 mAh, 32 ou 64 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb) e unha impresionante cantidade de memoria RAM (3 Gb) claramente orientada a permitir que o smartphone poida realizar varias tarefas ao mesmo tempo, aproveitando o grande tamaño da súa pantalla.

Pero se algo quería ver o público do evento desta tarde era o smartwatch de Samsung, que podería ser o primeiro dispositivo deste tipo en chegar a un público masivo (aínda que temos que lembrar que xa hai anos que existen no mercado, incluso con fabricantes tan importantes como Sony). O Samsung GALAXY Gear busca ser un bo complemento para os smartphones Samsung GALAXY, que lévase no pulso coma un reloxo normal, pero que achega notificacións do móbil, integra un altofalante para poder responder chamadas directamente dende o reloxo (aínda que dun xeito bastante incómodo), permite dar ordes por voz ao smartphone (programando alarmas, engadindo entradas no calendario ou consultando a predición do tempo), captura a nosa actividade diaria (dispara fotografías de 1,9 Mpíxeles e serve para tomar notas rápidas de voz), pode operar como podómetro (funcionalidade que parecen estar a por de moda distintas pulseiras conectadas que se comercializaron nos últimos meses) e incluso pode axudar a localizar o smartphone forzándoo a soar, iluminarse e vibrar.

Máis discreto foi o novo Samsung GALAXY Note 10.1 (2014 Edition), que non deixa de ser unha actualización de especificacións de tablets anteriores, e que ten prevista a súa chegada ao mercado dende antes de rematar o mes. O novo tablet chegará con Android 4.3, unha pantalla Super clear LCD de 10,1 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.600 píxeles, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, USB 2.0, GPS, 3 Gb de RAM, 16/32/64 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxeta microSD de ata 64 Gb) e S Pen. A súa batería é de 8.220 mAh, o seu grosor é de só 7,9 milímetros e o seu peso de 535 gramos (o modelo con Wi-Fi, pois tamén estará dispoñible en versións con 3G ou 4G).
Vídeo de presentación do Samsung GALAXY Note 3
Samsung presenta o seu smartwatch
Compartir Este Artigo

