Samsung presenta o último en tecnoloxía OLED no CES
luns, 8 de xaneiro do 2024
A división de pantallas de Samsung está a amosar no CES de Las Vegas paneis que poden revolucionar o sector nos vindeiros meses, ao conseguir manter os avances en pantallas encartables, mellorar aínda máis a tecnoloxía OLED e incluso achegar pantallas de tamaño reducido e altísima resolución de cara aos visores de realidade estendida.
Un dos produtos que chaman máis a atención no CES é un prototipo coñecido como In&Out Flip, que é un deseño de smartphone encartable que consegue un menor grosor ao contar só cunha pantalla (que cando se dobra o dispositivo fai de pantalla exterior). Aínda que este tipo de formato pode parecer fráxil, dende Samsung amosan en Las Vegas como pode soportar temperaturas de entre -20 e 60 graos centígrados, así como golpes de balóns de baloncesto, roces con area e inmersión na auga.
Tamén amosaron unha pantalla Rollable Flex, que consegue expandirse para multiplicar por 5 o seu tamaño, mentres que o Flex Hybrid combinaría un deseño encartable e deslizable.
Samsung tamén amosou distintas integracións de pantallas flexibles para o interior de vehículos, así como paneis OLED para uso industrial, aínda que o que pode dar máis que falar nos vindeiros meses sería un tipo de pantalla que denominan OLEDoS, e que ofrecería grande resolución nun pequeno tamaño. Como mostra desta tecnoloxía amosaron unha pantalla de 1,03 polgadas cunha resolución de 3.500 puntos por polgada, o que sería comparable a un televisor 4K, o que sería crucial para a vindeira xeración de visores de realidade estendida, e que indicaría que Samsung está na disposición de levar ao mercado este tipo de tecnoloxía que ata o momento só estaba ao alcance de Sony (o provedor das pantallas das futuras Vision Pro de Apple). Tamén comentan que este tipo de tecnoloxía está a empregarse en cascos militares e lentes de visión nocturna.
Outra solución da que Samsung está a presumir é dun monitor QD-OLED de 31,5 polgadas cunha resolución de 3.840 x 2.160 píxeles que serían capaz de funcionar a 360 Hz, sendo o primeiro monitor deste en conseguir tal logro. Tamén presentaron un monitor con tal velocidade de refresco nun tamaño de 27 polgadas.

- Samsung presentou monitores OLED cunha velocidade de refresco de 360 Hz
