Samsung presenta os seus novos smartphones encartables

mércores, 26 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Hoxe tivo lugar o Samsung Unpacked, evento que nesta ocasión estaba destinado a presentar os novos smartphones encartables da marca surcoreana que segue a ser líder neste formato de teléfonos móbiles, e que desta volta mellorou a experiencia encartable cunha nova Bisagra Flex (un sistema de dobre raíl que mellor a súa durabilidade).

Samsung Galaxy Z Flip5

Aínda que inicialmente os encartables estrela parecía que serían os de grande tamaño, o mercado está a ser moito máis receptivo aos equivalentes aos clásicos móbiles en formato de cuncha, de aí que fose tan agardado o novo Samsung Galaxy Z Flip5, que destaca por unha nova Flex Window 3,78 veces máis grande que na versión anterior (chegando ás 3,4 polgadas), ou sexa, que a pantalla exterior do móbil medra en tamaño e utilidade, contando con numerosos widgets, un completo sistema de notificacións, acceso ao sistema de pagamentos móbiles e incluso a posibilidade de realizar respostas rápidas cun teclado QWERTY completo, de xeito que o teléfono só ten que abrirse cando se desexe interactual cunha pantalla táctil tradicional Full HD+ de 6,7 polgadas con tecnoloxía Dynamic AMOLED 2X cunha velocidade de refresco de até 120 Hz.
Aínda que o deseño é o punto forte deste smartphone, a nivel de procesador non queda curto, e conta cun Snapdragon 8 Gen 2, que xunto á calidade das súas cámaras converte ao Flip5 nun móbil que pode compararse co resto de móbiles insignia do mercado.
O seu prezo oficial é de 1.208 euros para o modelo con 256 GB de almacenamento, e de 1.329 euros para o modelo con 512 GB de almacenamento interno.

Samsung Galaxy Z Fold5

Nunha liña semellante estaría o Samsung Galaxy Z Fold5, que aproveita a súa grande pantalla encartable de 7,6 polgadas para tirar proveito da multitarrefa e así ser un dispositivo ideal para a produtividade. Tamén conta co novo sistema de bisagra de dobre raíl, e consegue conter o seu grosor en 13,4 milímetros e o seu peso en 253 gramos.
Tamén funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 8 Gen 2, e un dos seus puntos fortes está fóra do dispositivo en si, xa que trátase do seu novo S Pen, que ten un novo deseño e, como grande novidade, pode gardarse nunha nova funda para o Z Fold5 que resulta moi compacta, en contraste co volume que ocupaba o lapis dixitalizador en móbiles anteriores.
As cámaras tamén destacan neste móbil, cun sensor principal de 50 Mpíxeles, cun ultra grande angular de 10 Mpíxeles e cun teleobxectivo 3x de 10 Mpíxeles na súa traseira, unha cámara exterior de 10 Mpíxeles e unha cámara agochada baixo a pantalla de 4 Mpíxeles.
Os prezos deste novo smartphone serían o seu principal atranco para a súa popularización, pois parte dos 1.909 euros para o modelo con 256 GB e chega até os 2.269 euros para o modelo con 1 TB de capacidade de almacenamento.
Ambos teléfonos poden encargarse dende hoxe, estando fixado o seu lanzamento oficial no vindeiro 11 de agosto.

PUBLICIDADE