Samsung presenta un novo localizador con conectividade 4G

martes, 11 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Para evitar extraviar obxectos dende hai tempo poden empregarse localizadores Bluetooth, que facilitan atopalos coa axuda dun smartphone, pero teñen o grande problema de que só funcionan a poucos metros de distancia, de aí que estean a xurdir versións que funcionan mediante redes móbiles, como o novo SmartThings Tracker de Samsung, que vén de pór á venda nos EE.UU., e que integra nun pequeno e lixeiro trebello GPS e conectividade LTE-M, de xeito que podemos penduralo de mochilas, chaves, colares de mascotas... para poder localizalos dun xeito preciso en tempo real.
Este tipo de dispositivo non só permite localizar a equipaxe nun aeroporto, ou localizar a mochila cando non lembramos onde a deixamos, senón que tamén pode alertarnos se o noso can se afasta da casa mediante o establecemento de xeovalados, o que permite tamén o seu emprego para dar conta de que se chegou de volta ao fogar, podendo así tranquilizar ao resto da familia ou incluso disparar unha resposta por parte do noso sistema domótico (por exemplo, que se acenda a luz da entrada cando nos acheguemos á mesma).
O localizador é resistente á auga e cunha única carga pode aguantar semanas, pero cómpre advertir de que a súa comercialización vai ligada a un servizo de telefonía móbil, que nos caso dos EE.UU. tería un custo de 5 dólares/mes ou 50 dólares/ano.

PUBLICIDADE