Samsung presenta un procesador para móbiles con gráfica de AMD

martes, 18 de xaneiro do 2022 Marcus Fernández

Tras uns anos con procesadores da familia Exynos que quedaban por detrás dos Snapdragon de Qualcomm, Samsung quire dar un bo salto adiante co novo Exynos 2200, un procesador móbil que destaca por integrar unha gráfica Xclipse que fai uso da arquitectura RDNA 2 de AMD, co que pretenden ofrecer unha experiencia excepcional en xogos, así como tamén en aplicacións de redes sociais e fotografía.
Grazas ao uso da arquitectura RDNA 2 a gráfica Xclipse permite realizar ray tracing mediante hardware e tamén sombreado variable (VRS) que son tecnoloxías máis propias de ordenadores persoais e consolas de videoxogos.
O Exynos 2200 integra un procesador principal de 8 núcleos (un núcleo ARM Cortex X2, 3 Cortex 710 e 4 Cortex A510), pode tirar proveito da intelixencia artificial cunha NPU avanzada e incluso pode gozar de grandes velocidades de banda larga cun modem 5G con soporte de mmWave e capacidades para mover datos até a 10 Gbps.
O procesador de imaxe do Exynos 220 pode controlar sensores de imaxe de até 200 Mpíxeles e até 7 sensores de imaxe individuais, aínda que as configuracións máis habituais serán as de un módulo de cámara de 108 Mpíxeles ou unha cámara dual de 64 e 36 Mpíxeles. Tamén pode gravar vídeo até 4K HDR (ou 8K) e reproducir vídeo en 4K a 240 imaxes por segundo (ou 8 K a 60 imaxes por segundo).
Samsung asegura que o Exynos 2200 xa está en produción, polo que en breve veremos produtos que integren estes procesadores.

PUBLICIDADE