Samsung presenta unha cámara pensada para a realidade virtual

mércores, 12 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Despois do relativo fracaso das 3D e da indiferenza do público xeral ao 4K, algúns fabricantes confían en que a realidade virtual poidan converterse na nova revolución no consumo audiovisual, e compañías como Samsung están a facer fortes apostas neste ámbito e así, tras estrear un accesorio que converte o seu GALAXY Note 4 nunhas lentes de realidade virtual, presentan agora o seu Project Beyond, que aseguran que é a primeira cámara real 3D de 360 graos, que permitiría crear vídeos completamente inmersivos.
Aínda que actualmente o Project Beyond non é un produto comercial, Samsung está a amosar esta tecnoloxía que parte de 16 cámaras de vídeo Full HD colocadas nun dispositivo esférico para poder crear un vídeo envolvente que poida verse cunhas Samsung Gear VR, o que podería aplicarse a vídeo en streaming, creando unha impresionante sensación de telepresencia. Pese a que estamos ante unha tecnoloxía que tardará en chegar ao mercado, Samsung decidiu amosala nun evento en San Francisco, deixando claro que é unha compañía que sabe innovar, e confirmar o seu compromiso coa empresa Oculus VR (adquirida por Facebook hai pouco).
Asistentes ao evento aseguraron que o funcionamento desta tecnoloxía aínda non era óptimo, pois estamos ante produtos en fase de proba, pero aínda que o sistema de captación de imaxes aínda non estea a disposición do público confían en que os contidos que xeren os prototipos poida estar ao alcance dos usuarios de Gear VR, o que sería un interesante incentivo para achegarse á tecnoloxía de realidade virtual que non estaría a enfocarse só aos videoxogos, como parecía nun primeiro momento.


Vídeo de presentación do Project Beyond

PUBLICIDADE