Samsung presenta unha unidade SSD de 16 TB
luns, 17 de agosto do 2015
Pouco a pouco imos vendo como os fabricantes conseguen
introducir maior cantidade de información en menos espazo, pero vese que a
vella práctica de utilizar unidades SSD para acceso rápido e discos duros
tradicionais para almacenamentos masivos vai pasar á historia, e Samsung
desvelou hai un días a que aseguran que será a unidade de maior capacidade do
mercado, que resulta ser unha unidade SSD de 2,5 polgadas.
A Samsung
PM1633a sería unha unidade de 15,36 TB que en vez de empregar pratos
tradicionais fai uso de chips de memoria flash NAND de 256 Gbits (32 GB) que
conseguen unha grande densidade ao almacenar 3 bits por cela no que se coñece
como 3D V-NAND.
Non estamos ante un produto orientado ao mercado de consumo, senón para usos
empresariais, de xeito que Samsung presentou estas novas unidades SSD nun
servidor que integraba 48 destas unidades, o que permitíalle ofrecer unha
capacidade total duns 768 TB e cun rendemento de 2 millóns de operacións de
entrada/saída por segundo (unha unidade SSD de consumo conseguiría entre 10.000
e 90.000) polo que estaríase a conseguir unha grande mellora en capacidade e
rendemento de grandes sistemas de almacenamento masivo.
Isto non quere dicir que os discos duros vaian ser cousa do pasado en breve,
pois o seu prezo de fabricación continúa a ser moi inferior ao das unidades
SSD, pero supón que de cara á evolución futura, as tecnoloxías alternativas
como as unidades flash son inevitables, xa que os discos tradicionais están a atoparse
con barreiras físicas para continuar a incrementar a súa capacidade.