Samsung presentou os seus novos dispositivos móbiles en Barcelona
luns, 24 de febreiro do 2014- JK Shin amosou hoxe o novo GALAXY S5
Samsung Electronics decidiu celebrar a súa grande
presentación Unpacked 2014 Episode I no marco do Mobile World Congress de
Barcelona, ampliando a súa familia GALAXY S cunha nova xeración que incorpora
bastantes novidades no seu hardware e no seu software, e incrementando a súa
interacción con accesorios persoais.
O presidente da división móbil de Samsung, JK Shin, foi o encargado de amosar
ao público o Samsung
GALAXY S5, asegurando que se trata dunha volta ás orixes “enfocándose en
capacidades que importan á meirande parte dos nosos clientes” combinando unha
cámara avanzada, unha elevada velocidade de transferencia de datos, ferramentas
destinadas á práctica deportiva e resistencia física.
O GALAXY S5 incorpora a tecnoloxía LTE e Wi-Fi máis avanzada do momento, senón
que tamén incorpora a prestación Download Booster, que fai que o móbil intente
conectarse a través da conectividade máis rápida dispoñible sen importar onde
esteamos.
Entrando polo miúdo nas especificacións do novo smartphone de Samsung, estamos
ante un dispositivo cunha pantalla Super AMOLED Full HD de 5,1 polgadas, cun
procesador de catro núcleos a 2,5 GHz, 2 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento
interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 64 Gb), cámara traseira de
16 Mpíxeles (que presume de enfoque automático rápido e de contar con HDR para
fotografías e vídeo), cámara frontal de 2 Mpíxeles, certificación IP67 de
resistencia á auga e ao po, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, USB 3.0, NFC,
infravermellos (para poder funcionar como mando a distancia), batería de 2.800
mAh, un grosor de 8,1 milímetros e 145 gramos de peso.
Tamén destaca polo feito
de que, aparte de acelerómetro, xiroscopio, sensor de proximidade, barómetro e
sensor de luz ambiental, tamén conta cun escáner de pegadas dactilares (baixo a
pantalla) e cun pulsímetro (xunto ao flash da cámara traseira).
Un dos detalles que permite diferenciar a este novo GALAXY S5 é a súa carcasa
traseira, que estará dispoñible en varias cores (negro, branco, azul eléctrico
e cobre/dourado) cun patrón de pequenas perforacións que afecta claramente
tanto á estética como ao tacto do dispositivo. Chegará ao mercado con Android 4.4.2
a partir do mes de abril.
Primeiro vistazo en vídeo ao Samsung GALAXY S5
Tecnoloxía para vestir e a práctica deportiva
Pero unha das grandes apostas de Samsung dos últimos meses,
os smartwatches, tamén se reforza coa
chegada do GALAXY S5, pois vén acompañado por unha nova xeración de produtos
GALAXY Gear. Comecemos polo GALAXY Gear 2,
un reloxo intelixente cunha pantalla Super AMOLED de 1,6 polgadas cunha
resolución de 320 x 320 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1 GHz, 512 Mb de
RAM, 4 Gb de almacenamento Interno, Bluetooth 4.0, infravermellos,
certificación IP67 con resistencia ao po e á auga, pulsímetro, podómetro,
cámara de 2 Mpíxeles con enfoque automático e unha pequena sorpresa: o seu
sistema operativo, en vez de ser Android como no seu modelo anterior, é Tizen. Samsung
tamén venderá unha versión máis económica, o GALAXY Gear 2
Neo, que prescinde da cámara, co que consegue pasar de 68 a 55 gramos. Un
detalle a salientar é que a batería de 300 mAh dos Gear 2 permítelles funcionar
entre 2 e 3 días cunha única carga (mentres que o modelo do ano pasado forzaba
a recargar a batería diariamente).
Estes nosos smartwatches pretenden servir para enlazarse co smartphone e poder
empregalo para aceptar e ignorar chamadas e mensaxes, recibir notificacións,
funcionar como mando a distancia universal, empregarse para o control
multimedia e incluso pode servir como un asistente para o adestramento
deportivo.
Para este último uso Samsung decidiu preparar tamén o GALAXY Gear Fit,
unha pulseira deportiva que incorpora unha pantalla curva de 1,84 polgadas
cunha resolución de 432 x 128 píxeles, que só pesa 27 gramos e integra unha
batería de 210 mAh que permítelle funcionar entre 3 e 4 días cunha única carga.
Pode comunicarse co móbil por Bluetooth 4.0, tamén conta con pulsímetro, é
resistente á auga e ao po (IP67) e a súa correa pode intercambiarse. Aparte de
servir como podómetro, monitor de sono e cronómetro, tamén pode empregarse para
recibir notificacións (mensaxes de texto, chamadas, e-mail...), controlar a
reprodución multimedia... un accesorio que busca conxugar os smartwatches coa moda dos
cuantificadores de actividade, que veremos no mercado no mes de abril.
- O GALAXY Gear 2 Neo será unha versión económica do Gear 2 grazas a prescindir da súa cámara
- O Gear Fit preséntase como un bo accesorio para a práctica deportiva
- O GALAXY Gear Fit combina smartwatch e cuantificador persoal nun único dispositivo, sumándose así a dúas tendencias actuais