Samsung producirá en masa pantallas OLED de portátil a 90 Hz

xoves, 21 de xaneiro do 2021 Marcus Fernández

A división de pantallas de Samsung anunciou que a partir do mes de marzo producirán en masa pantallas OLED de 14 polgadas a 90 Hz para equipos portátiles, facilitando así que estas pantallas de grande calidade poderán popularizarse ao longo do presente ano en equipos de alta gama.
Lembremos que as pantallas OLED ofrecen unha calidade de imaxe superior aos paneis LCD xa que cada punto en pantalla xera a súa propia luz (ou sexa, que apagándose consegue un negro profundo), mentres que a tecnoloxía LCD conta con retroiluminación.
A tecnoloxía OLED tamén permite un menor consumo de enerxía, algo que normalmente se valora en teléfonos móbiles nos que esta tecnoloxía de pantalla é o referente actual, pero que tamén ten un grande impacto en portátiles, e o feito de que estas novas pantallas teñan unha velocidade de refresco de 90 Hz permite unha grande nitidez en secuencias con moito movemento (principalmente en videoxogos) asegurando dende Samsung que unha pantalla OLED a 90 Hz achega unha sensación de velocidade equivalente a unha LCD de 120 Hz.
En calquera caso estamos a falar das primeiras pantallas OLED de portátil de 90 Hz, polo que é de esperar que só estean dispoñibles para equipos de alta gama.

PUBLICIDADE