Samsung quere conquistar aos xogadores cun monitor ultrapanorámico de 49 polgadas

martes, 27 de xullo do 2021 Marcus Fernández

O vindeiro xoves Samsung abrirá as reservas para facerse co seu novo monitor para videoxogos Odyssey Neo G9 (G95NA), con tecnoloxía Quantum Mini LED e con Quantum HDR 2000, ou sexa, unha pantalla capaz de chegar aos 2.000 nits de brillo máximo, que grazas a contar con 2.048 zonas de atenuación permite manter zonas brillantes e zonas escuras na mesma imaxe.
Este novo monitor ten unha pantalla ultrapanorámica de 49 polgadas cunha relación de aspecto de 32:9 e unha resolución de 5.120 x 1.440 píxeles, de xeito que sería o equivalente a 2 monitores Quad HD en paralelo, pero que cunha curvatura de 1000R conseguen unha maior inmersión e unha visión máis confortable. Ao estar orientado aos videoxogos ten un refresco de 240 Hz e un tempo de resposta de 1 milisegundo, incluíndo tamén porto HDMI 2.1 con compatibilidade con nVIDIA G-Sync e AMD Free Sync Premium Pro.
O Samsung Odyssey Neo G9 estará dispoñible o 9 de agosto e o seu prezo nos EE.UU. é de 2.499 dólares, polo que podemos entender que o seu prezo europeo tamén será moi elevado.

Vídeo promocional do Samsung Odyssey Neo G9

PUBLICIDADE