Samsung renova os seus móbiles encartables
mércores, 11 de agosto do 2021
Samsung presentou finalmente os seus novos móbiles
encartables, que supoñen un importante paso na consolidación nesta categoría de
produto na que a compañía surcoreana está a converterse no único axente de peso
no mercado, contrastando co panorama que se prevía para 2020, que estaba chamado
a ser o ano dos encartables, pero a realidade demostrou que esta tecnoloxía
precisaba de maior tempo de maduración.
No caso do Samsung
Galaxy Z Fold3 5G as novidades son bastante evidentes, xa que incorpora resistencia
IPX8, oculta a súa cámara frontal baixo a pantalla encartable (a menos
utilizada do dispositivo, polo que pode permitirse arriscar neste aspecto) e
soporta unha versión especial do S Pen, convertendo o Z Fold3 no que para
moitos sería o Note ideal.
A nivel de especificacións, falamos dun móbil cunha pantalla principal Dynamic AMOLED
2X de 7,6 polgadas cunha velocidade de refresco adaptable de 120 Hz; cunha
pantalla externa Dynamic AMOLED 2X de 6,2 polgadas cun refresco adaptable de
120 Hz; con cámara traseira tripla con sensores de 12 Mpíxeles e distintos
angulares (incorporando estabilización óptica no teleobxectivo), cámara frontal
na pantalla externa de 10 Mpíxeles e unha curiosa cámara frontal de 4 Mpíxeles
na pantalla principal (que semella pensada simplemente para poder realizar
videoconferencias, xa que para disparar fotografías permite empregar a cámara
traseira); 12 GB de RAM e 256/512 GB de almacenamento interno UFS 3.1; e
batería de 4.400 mAh con carga rápida con ou sen cable e carga inversa sen fíos
de 4,5 watts.
Pola súa banda, o Samsung Galaxy
Z Flip3 5G tamén incorpora resistencia IPX8 e incrementa o tamaño da súa
pantalla externa para dotala de máis capacidades interactivas, de xeito que non
é preciso abrir o teléfono para atender notificacións, controlar a reprodución
multimedia ou incluso disparar selfies.
En ambos móbiles mellorouse substancialmente a bisagra, que cada vez pon máis
difícil que se coe po e outras partículas no seu interior, e soporta 200.000
pregues, e tamén achega experiencias innovadoras grazas ao modo Flex nos que as
aplicacións poden interpretar a pantalla dobrada como dúas pantallas separadas.
As especificacións do Galaxy Z Flip3 5G son máis discretas que as do seu irmán
maior, cunha pantalla principal Full HD+ Dynamic AMOLED 2X de 6,7 polgadas cun
orificio para unha cámara de selfies de 10 Mpíxeles; a cámara traseira dual
ten sensores principal e ultra grande angular de 12 Mpíxeles xunto a unha
pantalla Super AMOLED de 1,9 polgadas cunha resolución de 512 x 260 píxeles; 8
GB de RAM e 128/256 GB de almacenamento interno UFS 3.1; e batería de 3.300 mAh
con carga rápida de 15 watts con cable, 10 watts sen fíos e carga inversa sen
fíos de 4,5 watts.
O Galaxy Z Fold3 5G chegará ás tendas o 27 de agosto a un prezo que parte dos
1.809 euros, mentres que o Galaxy Z Flip3 5G parte dos 1.059 euros, de xeito
que ambos móbiles son lixeiramente máis competitivos que a súa versión anterior.
Estes móbiles poden reservarse dende hoxe, quen os adquira anticipadamente
recibirán un ano de protección Samsung Care+, que cubre danos accidentais,
incluíndo a substitución da pantalla frontal.
Vídeo promocional dos novos encartables de Samsung