Samsung renova os seus smartphones insignia

luns, 22 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Os novos móbiles insignia de Samsung poderán ampliar a súa capacidade de almacenamento interno mediante tarxetas de memoria

Como antesala ao Mobile World Congress celebrouse o Samsung Galaxy Unpacked 2016, evento dirixido a dar a coñecer os novos produtos móbiles insignia de Samsung, que mantendo a liña estética do ano pasado, incorporan novidades dabondo como para falar dunha nova xeración de dispositivos, como o feito de que as pantalla de 5,1 e 5,5 polgadas dos Galaxy S7 e Galaxy S7 edge gozan da funcionalidade Always-On, para evitar que o usuario perda chamadas o importantes notificacións, ambos terminais integran cámaras Dual Pixel que conseguen imaxes máis luminosas e definidas, gozan de resistencia IP68 á auga e ao po (prestación que se botara en falta o ano pasado), integran carga rápida mediante cable e sen fíos e, como importante que agradecerán moitos consumidores, a súa nova bandexa para tarxetas é híbrida, de xeito que facilita a ampliación do almacenamento interno mediante tarxetas microSD de até 200 GB e, nalgúns mercado, tamén pode empregarse como solución dual SIM.
Sobra dicir que estes novos terminais están deseñados para ser compatibles con Samsung Pay (tecnoloxía de pagamentos mediante o móbil que en está a ultimar a súa chegada a España) e tamén gozan de facilidades para poder aproveitar o smartphone con dispositivos e accesorios de realidade virtual.
A nivel de especificacións falamos de smartphones 4G (con velocidades de até 450/50 Mbps), procesadores de 8/4 núcleos e 64 bits, 4 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno, pantallas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, cámara traseira Dual Pixel de 12 Mpíxeles con apertura f/1.7 e estabilización óptica de imaxe, cámara frontal de 5 Mpíxeles cunha apertura de f/1.7, NFC, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.2, USB 2.0 e sistema operativo Android 6.0. Como diferenzas entre os dous terminais, aparte do tamaño de pantalla e a correspondente curvatura do modelo edge, as diferencias entre ambos smartphones radicarían nas dimensións físicas, o peso e a batería, de xeito que no Galaxy S7 temos un teléfono de 7,9 milímetros de grosor, 152 gramos de peso e batería de 3.000 mAh, mentres que o Galaxy S7 edge ten un grosor de 7,7 milímetros, pesa 157 gramos e a súa batería medra até os 3.600 mAh.
Os novos smartphones xa están dispoñibles en reserva en España por prezos que parten dos 719 euros (nalgúns casos incluíndo unhas lentes de realidade virtual sen custo adicional), agardándose a súa dispoñibilidade en tendas o 11 de marzo.

Os novos smartphones insignia integran Samsung Pay
Os novos móbiles insignia de Samsung recuperan a resistencia á auga

Vídeo de presentación dos Samsung Galaxy S7 e S7 edge

PUBLICIDADE