Samsung renova os seus ultraportátiles con Windows 10

xoves, 14 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Os ultraportátiles de Samsung afrontarán en 2018 unha importante renovación, de xeito que agora teremos tres versións do Samsung Notebook 9 e unha do Samsung Notebook 9 Pen, que non só poderá funcionar cun lapis dixitalizador, senón que incluso integra unha rañura para gardalo na liña de como fan os móbiles Galaxy Note, no que semella un aceno para captar aos fieis deste tipo de smartphone.
O Samsung Notebook 9 Pen é un ordenador 2-en-1 moi atractivo, polo seu corpo de metal, o seu reducido peso e a súa bisagra de 360 graos, que ao sumarlle un S Pen con 4.096 niveis de presión e detección de inclinación convértese nunha ferramenta moi práctica para realizar anotacións e bosquexos. Este equipo venderase con pantalla Full HD de 13,3 polgadas, procesador Intel Core i7 de 8ª xeración, até 16 GB de RAM, até 512 GB de almacenamento interno, 1 porto USB-C, 1 porto USB 3.0, saída HDMI e lector de pegadas dixitais, mantendo o seu grosor entre 14,6 e 16,5 milímetros e o seu peso en 995 gramos.
Os Samsung Notebook 9 chegan pola súa banda con pantalla Full HD de 13,3 e 15 polgadas, existindo dúas variantes do modelo de maior tamaño: unha cunha gráfica discreta e outro cunha nVIDIA GeForce MX150 con 2 GB de GDDR5. Os distintos modelos funcionará con procesador Intel Core i7 de 8ª xeración, até 16 GB de RAM, até 1 TB de SSD e lector de pegadas dixitais; o modelo de 13,3 polgadas conta cun porto USB-C, 2 portos USB 3.0, e saída HDMI, mentres que o modelo de 15 polgadas ten espazo dabondo para incluír un porto USB 2.0 adicional. O modelo de 13,3 polgadas pesará 995 gramos, mentres que os de 15 polgadas pesarán 1.250 e 1.290 gramos respectivamente.

O Samsung Notebook 9 Pen destaca por incluír unha rañura para un S Pen

PUBLICIDADE