Samsung só participará virtualmente no Mobile World Congress

martes, 11 de maio do 2021 Marcus Fernández

De cara ao Mobile World Congress de Barcelona houbo unha chea de manifestacións de importantes empresas do sector tecnolóxico en contra da celebración presencial da feira, que continúa prevista a partir do 28 de xuño, e agora é Samsung a que asegura que non acudirá a Barcelona, aínda que neste caso o fabricante surcoreano non queda totalmente de costas ao evento tecnolóxico, senón que asegura que participará no MWC a través da Internet.
Que o principal fabricante de smartphones a nivel mundial non vaia amosar os seus produtos en persoa no Mobile World Congress provocará unha grande perda de interese no evento, pero Samsung considera que a saúde e seguridade dos empregados, socios e clientes debe ser a súa prioridade, de xeito que limitarán a súa participación ao contorno virtual.
Tamén cómpre sinalar que os fabricantes dificilmente van presentar grandes novidades en Barcelona, xa que o MWC mudou de data, e o inicio do verán non é o momento propicio para a presentación de novos produtos. De feito, fabricantes tanto presentes como ausentes na feira xa realizaron a súas grandes presentacións hai uns meses, e non se espera que haxa grandes novidades até o comezo do novo curso.

PUBLICIDADE