Samsung traerá o Galaxy Ring a España o 25 de setembro
luns, 9 de setembro do 2024
En xullo Samsung presentou o seu Galaxy Ring, deixando no aire cando chegaría o produto ao mercado español, e por fin confirman que o anel conectado de Samsung estará dispoñible a partir do 25 de setembro en tres opcións de cor (negra, ouro e prata) e nove talles diferentes (cun peso de entre 2,3 e 3 gramos) a un prezo recomendado de 449 euros.
Este novo produto busca axudar aos que queren coidar o seu benestar diario, xa que o seu tamaño e peso fai que sexa un accesorio ideal para un uso prolongado, incluso polas noites, para así poder monitorizar tanto a actividade diaria como o descanso nocturno. Deste xeito poden detectarse hábitos que alteran o descanso, e achegarse consellos para mellorar o benestar persoal.
Este produto con resistencia á auga de 10 atmosferas e acabado de titanio de grao 5, conta cunha autonomía de até 7 días, podendo cargarse a súa batería de xeito rápido cun estoxo.
A información que recolle o anel pode comprobarse en tempo real na aplicación Samsung Health, compatible con smartphones con Android 11 ou superior. Temos así unha opción para os que queren ter un control do seu benestar maior do que se consegue habitualmente cun smartwatch, e que non lles interesen as funcións de notificacións e control propias dos reloxos conectados.