Samsung vende caixas para conservar alimentos inspiradas no Tetris

martes, 28 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Samsung Electronic anuncia unha colaboración con The Tetris Company para comercializar as Samsung Stackers, unha gama de pezas de edición limitada inspiradas no videoxogo Tetris, destinadas á conservación de alimentos para reducir o desperdicio de alimentos no fogar.
Estas orixinais caixas para conservar alimentos inclúen as 7 formas e cores propias do Tetris, poden adquirirse dende España a un prezo de 25,07 euros (aos que habería que engadir 5,64/11,34 euros de gastos de envío), indo parar os beneficios obtidos pola comercialización deste divertido produto á Federación Europea de Bancos de Alimentos.
As Samsung Stackers permiten converter o almacenamento de alimentos nalgo divertido, á vez que se optimiza o espazo no refrixerador de encaixar de xeito óptimo as pezas de Tetris.
Cómpre salientar que, aínda que Samsung publicase en España esta información o Día dos Santos Inocentes, xa se deu conta do acordo con The Tetris Company a primeiros de mes, polo que esta divertida iniciativa solidaria non se trata de ningunha broma.

PUBLICIDADE