San Sadurniño mostra en tres obradoiros online as posibilidades dos móbiles para comunicarnos, mercar e mellorar a saúde

venres, 25 de setembro do 2020 Sonia Pena

A aula CeMIT de San Sadurniño vai retomar en outubro os seus cursos de alfabetización dixital, aínda que, por razóns preventivas e de seguridade sanitaria, non serán presenciais. O catálogo de actividades, que forman parte do programa Obradoiros TIC na Casa 2020-21, optará pola vídeo-conferencia como medio de comunicación, deixando as titorías en persoa (con cita previa) para consultas técnicas ou problemas que non se poidan resolver por teléfono. O primeiro curso (Uso da vídeo-conferencia) empeza o 6 de outubro e xa é posíbel facer inscrición a través da conta cemit.sansadurnino@xunta.gal ou do teléfono/Whatsapp 616 016 793.
Esta primeira actividade está programada para os martes 6, 13, 20 e 27 de outubro de 10 a 11.30h. A través del verase o funcionamento básico dos programas de parola grupal ao vivo e tamén a maneira de instalalos e de configuralos, insistindo moito no control da privacidade. Botarase luz sobre algúns dos máis coñecidos, como Skype, Zoom e Google Hangouts, aínda que para este curso tirarase partido, pola súa sinxeleza e polo seu carácter de aberto, da ferramenta Jitsi.
O seguinte curso, Compras seguras por Internet, está previsto para os mércores 7, 14, 21 e 28 de outubro, tamén en horario de 10 a 11.30h. Neste caso coñeceranse as distintas maneiras que existen na Rede para mercar e pagar de forma segura, así como múltiples trucos para aforrar comparando prezos e buscando ofertas vantaxosas.
A última acción formativa programada leva o nome de Saúde no móbil e fixouse para os xoves 8, 15, 22 e 29 de outubro das 10 ás 11.30h. Nesa hora e media diaria descubriranse as maneiras de controlar a actividade física e a alimentación, ademais de varios aplicativos gratuítos para exercitar a memoria. No curso tamén se ensinará a pedir cita médica no SERGAS sen necesidade de chamar ao Centro de Saúde e incluso se verá a maneira de consultar informes médicos.
A maiores destes cursos de outubro, a Aula TIC está a preparar para máis adiante outros obradoiros de interese para a cidadanía: Trámites coa Administración por Internet, Iniciación ao manexo dos dispositivos móbiles (teléfonos e tabletas), Aprender a aprender coas TIC, Crea a túa canle en Youtube e Crea o teu Blog. De todos eles darase información cando estea pechado o calendario.

PUBLICIDADE