San Xoán de Río acolle este sábado unha xornada sobre as posibilidades da IA no rural

venres, 19 de setembro do 2025 S. P.

O Concello de San Xoán de Río (Ourense) organiza a primeira edición da Mostra Rural SocialTech: Innovación e Economía Social de Futuro, no marco da Rede Eusumo. Será este sábado 20 de setembro, en horario de 10.00 a 20.00 horas, no salón de plenos do Concello. O evento ten como finalidade fomentar o emprendemento na economía social entre a mocidade e as mulleres do ámbito rural galego, impulsando o uso das TIC e a IA como ferramentas fronte ao despoboamento.
A xornada abrirase cun acto institucional no que intervirán representantes locais e expertos e expertas en fondos europeos, economía social, xestión forestal, turismo sustentable e TIC.
Abordaranse temas clave para o futuro do rural galego, como os fondos europeos para o desenvolvemento rural e a economía social, as experiencias de financiamento europeo en Galicia, o papel da economía social e as cooperativas, así como as sinerxías con proxectos como Sementando Iniciativa.
Trataranse tamén as oportunidades para o emprendemento feminino, o impulso do turismo sustentable e a innovación vinculada ao emprego local, as Rutas do Misterio, a xestión forestal e a situación actual dos lumes en Galicia.
Presentaranse propostas de innovación social para o territorio e destacarase o papel das TIC no medio rural a través do Rural Innovation Hub, con especial atención á aplicación da IA e as ferramentas dixitais para o emprendemento social.
O evento contará con catro zonas temáticas de stands: Viveiro de Lideresas Dixitais, Factoría de Ideas da Mocidade, Academia de Habilidades Dixitais e Punto de Encontro Interxeracional.
A mostra reunirá 10 proxectos de entidades de economía social procedentes de Galicia e outras rexións, que presentarán iniciativas destinadas a fortalecer o tecido social e económico do medio rural mediante a cooperación, a innovación e a transferencia de coñecemento.