SanDisk prepara novas unidades USB de reducido tamaño

martes, 9 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Western Digital levou ao CES de Las Vegas algunhas das súas últimas novidades de almacenamento USB do seu selo SanDisk, destacando un produto que aínda está na fase de prototipo: unha memoria USB-C cunha capacidade de 1 TB, que pode ser unha magnífica solución para empregar grandes volumes de datos en ordenadores portátiles e incluso smartphones con Android e tabletas. Sería a unidade máis pequena do mundo con tal capacidade.
Aínda que no que se refire a grande concentración de datos nun pequeno tamaño o que si veu a luz oficialmente e a nova unidade SanDisk Ultra Fit USB 3.1 de 256 GB, que ten unhas dimensións de só 19,1 x 15,9 x 8,8 milímetros e con velocidades de lectura de até 130 MB por segundo (multiplicando por 15 a velocidade das unidades USB 2.0 estándar). Estas novas unidades terán un prezo de 149,99 dólares e resultan moi prácticas para equipos que vaian empregarse en mobilidade ou para trebellos nos que simplemente queira aproveitarse ao máximo o espazo ou non se queira que a unidade USB resulte visible (como pode ser no caso de, por exemplo, televisores).

JPEG - 34.9 KB
As unidades Ultra Fit de SanDisk sobresaen moi pouco dos equipos aos que se conectan

PUBLICIDADE