Sandra Penelas gaña o Premio de Xornalismo Científico da RAGC por un traballo sobre impresión 3D
luns, 3 de xuño do 2024
- Sandra Penelas nunha imaxe de Marta G. Brea
A novena edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2024 xa ten galardoadas. A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), organizan este premio que está encamiñado a Está destinado a recoñecer unha peza xornalística científica ou tecnolóxica, de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida no último ano en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal). O premio entregarase nun acto que se celebrará o vindeiro 19 de xuño, ás 19 horas, no Pazo de San Roque de Santiago.
Indo á premiadas, dicir que o xurado acordou conceder o premio á reportaxe La UVigo ensaya cómo reducir la corrosión mediante la impresión 3D de hormigón, da xornalista Sandra Penelas Padrón, publicada o 8 de outubro de 2023 no diario Faro de Vigo. Afonda nun proxecto nacional liderado por enxeñeiras da Universidade de Vigo que avalía de xeito pioneiro os beneficios da impresión 3D de formigón. Salienta que estes cementos condutores protexerán as estruturas porque pesan menos e reducirán os custos e o impacto ambiental do sector da construción. Desde a Academia remarcan ademais “a contribución desta peza á visibilización do papel da muller na ciencia, dado que as investigadoras principais son todas mulleres, especialmente nun eido onde a porcentaxe feminina é inferior á masculina, como é a enxeñaría”. A galardoada recibirá unha dotación de 5.000 euros. Sandra Penelas (Verín, 1977) é licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago e traballa no Faro de Vigo desde 1999.
- Elisabet Fernández
A outra premiada é Elisabet Fernández González, á quen se lle outorgou un accésit á segunda peza mellor valorada, a reportaxe titulada: La élite alimentaria capta 2,5 millones en un año desde Ourense, publicada no xornal La Región o 29 de novembro de 2023. É un percorrido polo traballo dos grupos de investigación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación do Campus de Ourense, unha agrupación estratéxica que amorea a un centenar de científicos do ámbito agroalimentario. Desenvolven proxectos moi vencellados ao territorio, detectando fraudes no queixo, mellorando o viño, revalorizando a pel da pataca... até a elaboración de pan para celíacos con fariña galega.
Valorouse que se trata dun “amplo traballo xornalístico sobre a investigación no eido alimentario nun dos campus galegos, no que entrevista a investigadores de distintos grupos de investigación e de distintas xeracións e pon sobre a mesa cuestións relevantes para o ecosistema galego de I+D+i como o retorno de talento a Galicia e o fomento das vocacións femininas na ciencia”. Asemade, o xurado salientou a inclusión dun código QR que remite a unha reportaxe audiovisual da visita da xornalista aos laboratorios, “un recurso que contribúe a chegar mellor á sociedade”. Elisabet Fernández (Ourense, 1992) graduouse en Xornalismo pola Universidade de Santiago en 2016. Ese mesmo ano entrou a formar parte da redacción do diario La Región. Recentemente integrouse no equipo da edición ourensá de Faro de Vigo.
Sinalar que o xurado desta edición estivo composto polo académico da RAGC Pedro Merino (presidente); a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; Luís Manuel Villamor, doutor en Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago; a directora da Área de Centros de GAIN, María José Mariño e a técnica da Área de Programas de GAIN, Silvia López.