Sanidade botará man do Big Data para reducir o número de fumadores

mércores, 31 de maio do 2023 S. P.

A Consellería de Sanidade empregará Big Data (tecnoloxías intelixentes de análise da información a gran escala) para axudar aos fumadores a deixar de fumar. Así o fixo saber o o conselleiro Julio Comesaña, na posta en marcha do Plan Inspira Saúde, cuxo obxectivo é “reducir a prevalencia do consumo de tabaco diario na poboación adulta por baixo do 15% no 2027 e nos adolescentes por baixo do 5%”. Ao seu abeiro crearase unha rede de apoio á cesación tabáquica con seguimento dos pacientes por parte dos profesionais especialistas en tabaquismo, para o que será empregada a plataforma tecnolóxica autonómica Telea.
Comesaña remarcou que, no marco do plan, o seu departamento elaborará un perfil epidemiolóxico que defina os determinantes que se relacionan cun alto risco de padecer doenzas relacionadas co tabaquismo, “algo que será posíbel grazas ao Big Data da nosa historia clínica electrónica”, dixo, engadindo que está previsto desenvolver un programa piloto de diagnóstico precoz de cancro de pulmón, e a detección precoz doutras enfermidades provocadas polo consumo de tabaco, como a EPOC ou as enfermidades cardiovasculares. A tal efecto, “empregaremos ferramentas de intelixencia artificial que nos permitirán estratificar o risco do paciente de padecer a enfermidade”.
Xunto ao anterior o conselleiro dixo que a Xunta establecerá o 31 de outubro como o Día Galego sen Tabaco, e crearase a Rede Cidadá Inspira Saúde, para a promoción dunha vida sen tabaco. “O plan tamén tratará, ao mesmo nivel que o tabaco convencional, os dispositivos tipo vapeadores ou cigarros electrónicos. Tamén incidiremos na formación continua dos profesionais implicados neste plan, coa colaboración da Escola Galega de Saúde Pública”.
Así mesmo, crearanse máis espazos sen fume ao aire libre, actualmente cóntase con 214 praias sen fume en 80 concellos e 18 parques en 18 concellos, “iniciativa que ampliarase aos campos de fútbol, canchas de baloncesto, piscinas descubertas e mesmo campus universitarios”.

PUBLICIDADE