Sanidade dispón dun autotest con información sobre o coronavirus na web so SERGAS
luns, 16 de marzo do 2020
A Consellería de Sanidade vén de publicar, a través da páxina web do Coronavirus,
que o Servizo Galego de Saúde dedica de xeito exclusivo ao coronavirus un
autotest para que a cidadanía poida consultar síntomas e resolver dúbidas
relacionadas con esta enfermidade.
Coa posta en marcha deste test interactivo, elaborado por persoal
sanitario, manifestan que “proporciónase á poboación un sistema áxil e
inmediato no que atopar información actualizada sobre cuestións relacionadas co
coronavirus.” Ademais apuntan que, o feito de que o test personalice as
respostas a través de preguntas concretas, “permite ofrecer recomendacións
adaptadas á situación particular de cada persoa.”
O test, que está dispoñible en galego e castelán, presenta catro entradas
que formulan as diferentes situacións que poden estar a vivir as persoas que o
realizan, así como información sobre as dúbidas máis frecuentes acerca de temas
relacionados co coronavirus. No primeiro lugar está a opción para as persoas
que teñan síntomas e que estean preocupadas porque cren que poida deberse ao
COVID-19. Mediante o recoñecemento dos síntomas que presenta a persoa (tose,
dificultade para respirar, febre maior de 38 graos ou sen síntomas) e dun
sinxelo interrogatorio danse recomendacións ou indícase como acceder ao sistema
sanitario para que sexa atendido por profesionais sanitarios.
A segunda entrada é para aqueles que se atopan illados ou confinados na
casa. Neste caso, proporciónanse unha serie de indicacións sobre o que deben
facer mentres permanezan na súa vivenda. Tamén se precisa o que deben facer no
caso de que estean pendentes de que se lle tomen as mostras para saber se están
contaxiados, se están á espera dos resultados das mesmas ou se empeorou a súa
clínica desde o confinamento.
A terceira entrada informa a aqueles que deran positivo nesta enfermidade e
ofrece as recomendacións a seguir mestres estean confinados ou no caso de que a
súa clínica empeorase desde que permanecen no domicilio.
Por último, a cuarta entrada ofrece información sobre as dúbidas máis
frecuentes acerca de temas relacionados co COVID-19.
Esta nova ferramenta de información e consulta súmase a outras iniciativas
relacionadas coa atención a esta enfermidade, xa postas en marcha desde
Consellería de Sanidade, coma o teléfono gratuíto 900400116 que nestes días
incrementou a súa demanda asistencial ata nun 60%.
A Consellería de Sanidade solicita, unha vez máis, que se empregue o número
061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella chamar aos centros de saúde
ou utilizar o referido número gratuíto, que vén de ser reforzado con máis
persoal, para facilitar información xeral sobre o coronavirus. Neste número,
pódense resolver as dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar
sintomatoloxía leve.