Sanidade e o CPEIG, recoñecidos nos Premios de Internet 2025 polo seu proxecto para nenos hospitalizados
venres, 16 de maio do 2025
A Consellería de Sanidade e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) veñen de ser galardoados nos Premios de Internet 2025, no marco da celebración do Día de Internet, que este ano ten como lema Por unha nova xeración de Internet comprometida coas persoas.
O acto de entrega dos premios celebrouse no Senado, onde se recoñeceron proxectos destacados nas categorías de Transformación Dixital, Marca Persoal en Redes Sociais, Emprendemento, Investigación e Iniciativas para impulsar a Cidadanía Dixital, con especial atención á Intelixencia Artificial.
Precisamente nesta última categoría foi premiado o proxecto Obradoiro de robótica e programación para nenas e nenos hospitalizados, froito dun convenio entre o CPEIG e a Consellería de Sanidade. O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, foi o encargado de recoller o recoñecemento.
Este programa ofrece obradoiros nos hospitais galegos dirixidos á poboación infantil ingresada, cun investimento de preto de 12.000 euros para a adquisición do equipamento necesario. A iniciativa ten como obxectivo achegar unha distracción positiva aos cativos hospitalizados, favorecendo a súa recuperación emocional e mental.
As actividades, realizadas nas aulas infantís das áreas pediátricas dos hospitais públicos galegos, inclúen experiencias interactivas como converter froitas e utensilios de cociña en mandos de videoxogos ou experimentar con robots que responden a estímulos como o son, a luz ou a proximidade a obxectos.
Ademais do entretemento, os obradoiros buscan fomentar a socialización mediante dinámicas grupais, aínda que tamén se prevén sesións virtuais para aqueles menores que non poidan participar presencialmente.
As sesións son impartidas por empresas galegas do sector tecnolóxico, no marco dos seus programas de responsabilidade social corporativa, reforzando así o compromiso do ecosistema TIC galego co benestar dos máis pequenos.
Acto de entrega dos Premios de Internet 2025