Sanidade lanza app para obtermos datos personalizados sobre o calendario de vacinas

martes, 3 de abril do 2018 Redacción

Santiago, máis en detalle o centro de saúde de Vite, deu acollida hoxe á presentación da aplicación Vacgal, unha ferramenta de balde para facilitarnos a obtención de datos personalizados sobre o calendario de vacinas. A app, impulsada pola Consellería de Sanidade, foi dada a coñecer polo director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares, quen salientou o elemento de fiabilidade posto en xogo polo mesma, amais das vantaxes de mobilidade que achega: podemos tirarlle o máximo partido dende os nosos dispositivos móbiles, “converténdose así, nunha canle áxil e dinámica de comunicación entre nós e o programa galego de vacinacións”, engadiu.
No acto tamén participou o subdirector xeral sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, que coincidiu con Paz-Ares á hora de destacar as posibilidades da aplicación para “mellorar a concienciación das galegas e galegos respecto do valor das vacinas, así como un incremento de coberturas”. Ademais, sinalaron, “favorecerá a comodidade do propio proceso de vacinación”.
Nun plano máis detallado, fixeron fincapé en utilidades concretas como a funcionalidade para coñecermos o calendario vacinal vixente do programa galego de vacinación, tanto infantil como de adultos; ou o servizo para consultar en calquera momento os datos que ten o programa sobre a vacinación propia ou das persoas a cargo; ou a posibilidade de vermos a correspondencia entre as vacinas administradas e o calendario vacinal que lle corresponde a cada persoa por idade. A ferramenta tamén permite recibir recordatorios sobre vacinas pendentes próximas a administrar; tramitar citas para vacinarnos mediante o propio dispositivo móbil; recibir notificacións do programa sobre novas relacionadas coa vacinación e, ademais, consultar información sobre vacinación e viaxes. A app está dispoñíbel para móbiles con Android e máis con iOS.

PUBLICIDADE