Santiago achega formación en facturación electrónica para o sector hostaleiro

mércores, 22 de outubro do 2025 S. P.

O Concello de Santiago, a través do departamento de Promoción Económica, pon en marcha un plan de formación dirixido ao sector da hostalería, co obxectivo de apoiar a súa modernización, incrementar a súa competitividade, e reforzar o valor engadido das empresas hostaleiras. O programa atenderá a dúas cuestións fundamentais: a seguridade alimentaria e a transformación dixital.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou o plan nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo presidente da asociación Hostalaria.gal, Lois Lopes, e por Eduardo Troncoso, representante da empresa encargada da formación e experto en seguridade alimentaria. A tenenta de alcaldesa explicou que o obxectivo do programa “é contribuír a fortalecer a competitividade e a calidade das pemes e as microempresas da hostalería, un sector que é fundamental para a economía de Santiago e que conta con case 1.300 persoas asalariadas”.
O programa presentado centrarase en tres cuestións clave para o sector hostaleiro, nas que houbo modificacións lexislativas recentemente: a adaptación ao regulamento Verifactu, a mellora da calidade e seguridade alimentaria mediante a implantación do sistema de Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico (APCC); e a adaptación á Lei 1/2025 de prevención das perdas e desperdicio alimentario.
Facturación electrónica
Segundo explicaron, o Regulamento Verifactu, aprobado no Real Decreto 1007/2023, do 5 de decembro, “introduciu a obrigatoriedade da facturación electrónica para todas as empresas”. No mes de xullo rematou o prazo límite para aplicar este cambio, que transforma a xestión documental e financeira das empresas e resulta especialmente complexo no caso das pemes e das microempresas.
A través deste plan, a Concellaría de Promoción Económica ofrecerá formación especializada aos empresarios e profesionais da hostalería, para que coñezan as obrigas lexislativas, saiban manexar a plataforma Verifactu e poidan aproveitar as oportunidades que ofrece a dixitalización para os seus negocios.
A formación relacionada co regulamento Verifactu impartirase de maneira presencial no edificio Cersia de San Lázaro, en grupos de cinco persoas para garantir unha atención máis personalizada. Para facilitar a participación, haberá cinco quendas de formación en horario de mañá e outras tantas en horario de tarde.