Santiago achega unha declaración institucional unánime para que a cidade acubille a sede da AESIA

martes, 2 de agosto do 2022 S. P.

O Concello de Santiago consensuou unha declaración instittucional de todos os grupos políticos da Corporación local para que a cidade dea acubillo á sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). Foi na sesión ordinaria do pleno celebrada o pasado mércores.
Nela, os grupos expresaron o seu convencemento de que "a capital de Galicia reúne as condicións necesarias para albergar a sede da AESIA", organismo que se enmarca na Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial do Goberno de España, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e que pretende "situar a España como país punteiro en Intelixencia Artificial e liderar a nivel mundial o uso da lingua española e das linguas cooficiais (galego, euskera, e catalán) na IA".
Neste contexto, a Corporación municipal, en liña coa Xunta de Galicia a través da AMTEGA, quere amosar o seu "firme apoio" á candidatura de Galicia para acoller a sede da AESIA no seu territorio, xa que parte como unha das CCAA mellores posicionadas ao dispor dunha estratexia propia de Intelixencia Artificial, ser pioneira na posta en marcha de medidas neste ámbito, contar cun ecosistema TIC forte así como cumplir con todas as condicións establecidas.
En concreto, na declaración institucional o Concello expresa o seu "total aliñamento coa Universidade de Santiago para conformar unha candidatura sólida que permita situar a nosa cidade como a mellor opción para Galicia", xa que cumple todas as condicións establecidas acoller a futura AESIA: "Dispón de capacidade de produción de talento, posúe un expertise na materia de múltiples entidades da nosa cidade" e ademáis "ten infraestruturas de localización de persoal e equipos que poden ser cedidos por distintas administracións para poder albergar dita sede". Ademais, Santiago é tamén "un recoñecido destino turístico de congresos, convencións, incentivos e eventos".

PUBLICIDADE