Santiago achegou 38 candidaturas á edición 2018 de Youtubeir@s

luns, 9 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

O certame Youtubeiras.gal, o concurso encamiñado a encher YouTube de vídeos en galego, rematou prazo de presentación de candidaturas o pasado 15 de marzo e, tres semanas despois, logo dos membros do xurado visualizaren as 229 propostas desta edición 2018, xa foron elixidas as 26 propostas que chegarán directas á final. O xurado (composto por Adrián Dios, Anxos Sobriño, Estela Romasanta, Iván Capón e Laura Cruxeiras) e as entidades impulsoras deste certame (os servizos de normalización lingüística dos Concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove; as Universidades de Coruña, Santiago e Vigo; e da Deputación da Coruña) darán a coñecer as achegas finalmente recoñecidas o 20 de abril, nunha gala no Teatro Colón da Coruña.
Segundo puidemos saber dos datos achegados pola organización do certame, esta edición ten un marcado acento compostelán. Por que motivo? Pois porque Santiago, con 38 candidaturas, é o municipio con máis participantes: 20 inscribíronse na categoría video-facermos, 13 na video-opinarmos e 5 na de canles.
Volvendo ao evento do 20 de abril, lembrar que será presentado pola compañía teatral A Panadaría, ou sexa, polas Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman. O público poderá acceder de balde á gala, tras reservar previamente as súas entradas a través da ligazón da web do Teatro Colón.
Os finalistas desta edición 2018 son:
Categoría de vídeo-facermos
• Como escaquearse dunha comida familiar, de As Cousas do Choio.
• Descargar vídeo de facebook online, de Xacobo de Toro Cacharrón.
• Fart@ de tantas varices, de Chola & Lola.
Categoría de vídeo-opinarmos
• A expedición Balmis e a vitoria da vacinación, de Xacobo de Toro Cacharrón.
• As 5 preguntas máis absurdas sobre a Comunidade Xorda, de A Familia Vázquez TV.
• Recordos, de Tito FM.
Categoría de canle
• Nubes baixo ti.
• Teño unha horta en San Sadurniño.
• TradiGaita.
Categoría de creatividade
• Mascarilla Detox Titorial, de BI Uke,
• Os cazapantasmas video-facermos, de Moustache Media Producciones.
• Review nostálxica: Discoteca El Bosque, de Edu Fernández.
Categoría de eficiencia comunicativa
• Como distinguir as bandeiras LGBT+, de Carolina G.
• O galego fermoso (e o que non o é tanto), de Aquel-e.
• Videopinarmos || A adopción animal, de Tania Veiras.
Categoría de calidade técnica
• Recordos, de Tito FM.
• Tempo de decidir, de Nubes baixo ti.
• Viaxar, de Aarón Vilariño Figueiras.
Categoría de calidade lingüística
• Chaveiro de pompóns – Amigo Invisible, de IES A Cachada Boiro.
• Descubrindo as palabras | Encaldabourada. de Anduriña TV.
• Reivindicación oceánica, de Xosé Iglesias.
Categoría de proposta youtubeira
• Como dar cartos ás agachadas, de As Cousas do Choio.
• Fareleiro18 enzoufeime todiña!, de Susanasusue.
• Galiza a Eurovisión, de Aquel-e.
• Slime faciliño!, de Platicando en galego.
• Vídeo denuncia de Bipelo Film.
Máis detalles desta segunda edición
Os galardóns artelláronse este ano, logo da primeira edición de 2017, en cinco categorías: video-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. A estes cinco apartados puideron concorrer todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle.
Na edición presente hai 5.500 euros en premios. Este repartiranse as ditas categorías, que incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. O premio do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano. Como temos sinalado dende Código Cero noutras ocasións, a través deste recoñecemento, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira.
Segundo puidemos saber, a convocatoria 2017 saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Todas estas pezas salientaron pola súa riqueza temática, tocando temas que oscilaron entre a crítica de cine e as cuestións de actualidade, pasando por titorías con trucos e consellos no ámbito da tecnoloxía, a mecánica ou a cociña. Ademais, lográronse altos niveis de implicación por parte de diferentes asociacións e colectivos, e de persoas de idades moi diversas.

PUBLICIDADE