Santiago acolle en novembro o 5º Congreso Internacional de CIOs
luns, 30 de outubro do 2023
O
Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia vai acoller a semana
vindeira, os días 7 e 8 de novembro de 2023, a quinta
edición do Congreso Internacional de CIOs, organizado pola
Asociación para o Progreso da Dirección (APD) e co apoio de
empresas tecnolóxicas galegas como é o caso de Altia.
O evento, que porá o foco nas claves para entender o impacto da
revolución tecnolóxica no noso negocio, analizando, en detalle, o
impacto das novas contornas que xa debuxan a IA (Intelixencia
Artificial), a tecnoloxía de Cadea de Bloques (Blockchain)
ou a Computación Cuántica. Amais, explican dende a
organización, o programa deterase “nas revolucións que veñen da
man; e que impactan en esferas que nada teñen que ver con algoritmos
ou sensores”.
O
papel dun CIO
O
CIO, polas súas siglas, Chief Information Officer, é
o profesional responsable dos sistemas de Tecnoloxías da
Información (TI) da empresa a nivel de procesos e dende o punto de
vista da planificación. Así explica APD a relevancia deste posto:
“No actual contexto o papel do CIO cobra unha nova dimensión. A
alianza da tecnoloxía coa dirección e a estratexia da compañía
resulta crítica non só para aspirar o liderado senón para asegurar
a supervivencia. Pero para iso, CEO e CIO deben falar nunha linguaxe
común que permita despregar decisións dunha complexidade crecente”.
Para
APD, a velocidade do cambio é tal, “que aquelas compañías que
non situasen as megatendencias tecnolóxicas no centro do seu modelo
de negocio corren o risco de colapsar, e non tanto polo efecto
estético que supón presentarse ao mercado como unha compañía
innovadora, senón polo risco de non poder acceder ao tsunami que
está por vir”. E engade a asociación: “É momento de
anticiparse e afrontar con máis garantías as revolucións que
veñen”.
No
congreso participarán (entre outros) Juan Carlos Escotet, presidente
de Abanca, Alfonso Rueda, presidente da Xunta, Francisco Botas
Ratera, presidente da Zona Noroeste de APD, Xavier Marcet i Gisbert,
presidente de Lead To Change, Gorka Sainz, director de enxeñaría de
sistemas de Fortinet, Almudena de la Mata, membro da xunta directiva
de Alastria, Fernando Vallejo, director de IT, Innovación e
Sustentabilidade de Globalvia, e Juan Salom Clotet, coronel xefe da
Unidade de Coordinación da Ciberseguridade da Garda Civil. O
congreso será conducido pola xornalista Olalla Pena.