Santiago acolle esta semana unha xornada europea sobre agricultura smart

luns, 20 de novembro do 2017 Redacción

Este 23 de novembro celébrase en Santiago, no Hotel Porta do Camiño, un encontro profesional sobre tecnoloxías smart aplicadas á agricultura e a gandería. Trátase dun seminario abeirado ao programa europeoAgroSmartCoop, cuxo obxectivo é impulsar a innovación e a colaboración entre cooperativas de Francia, España e Portugal. O seminario, que xuntará a reitores, directivos e técnicos de cooperativas dos tres países veciños, diríxese a informar das tendencias en innovación sustentábel, comercialización e mercadotecnia intelixente a nivel europeo.
Como lembraremos, o proxecto AgroSmartCoop está liderado por AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias) e constituído por oito entidades beneficiarias de seis contornas europeas pertencentes aos ditos tres países: Galicia, Castela A Mancha, Euskadi e Estremadura en España; Nouvelle – Aquitaine en Francia e o Norte de Portugal.
Entre outros representantes da innovación no agro, contarase coa experiencia de Dcoop, o maior grupo produtor mundial de aceite de oliva virxe, que presentará o seu xeoportal para controlar as explotacións dos socios a través de tecnoloxías da información (Premio á Innovación 2017 de mans de COPA COGECA). O programa de relatorios tamén inclúe presentacións da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (dando a coñecer as claves para unha comercialización intelixente de produtos), de CapsaFood, da Aula de Produtos Lácteos da USC, da Organización Interprofesional do Viño de España (OIVE), de DairyLac, e da Casa Grande de Xanceda (empresa galega adicada á produción ecolóxica e sustentábel de produtos lácteos).

PUBLICIDADE