Santiago acolle este venres unha xornada nacional de mulleres en Enxeñaría Informática
luns, 23 de xuño do 2025
O grupo de traballo de Mujeres en Ingeniería Informática do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería Informática (CCII) celebrará o venres 27 de xuño a II Xornada Nacional de Mulleres en Enxeñaría Informática, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A xornada celebrarase de 11.00 a 14.00 horas no Salón Fonseca do Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago.
A cita será inaugurada por Mercedes Oliva, representante e membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e membro da xunta de goberno do Colegio Profesional de Ingeniería Informática de Castilla y León; Fernando Suárez, presidente do CCII e +do CPEIG; e Manuel César Vila, concelleiro de Economía e Facenda do Concello de Santiago.
Na clausura intervirán Juana Perea (videoconferencia), membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e da xunta de goberno do Colegio Oficial de Ingeniería Informática de les Illes Balears (COIIB); Victoria González, membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e colexiada do CPEIG, así como responsable de proxectos de Minsait; e María Quintiana, directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia.
Nesta edición porase o foco “no papel estratéxico das infraestruturas dixitais como base do desenvolvemento tecnolóxico e social para garantir unha contorna dixital accesible, segura e sostible”. Este espazo de encontro busca “destacar a participación das mulleres nun ámbito técnico fundamental, así como fomentar unha visión máis diversa e igualitaria na construción das infraestruturas que sosteñen a transformación dixital”, sinalan dende a organización.
Premio Ángela Ruiz Robles

- Catalina Grimalt
No marco do evento entregarase o Premio Ángela Ruiz Robles, “un recoñecemento ao mérito, esforzo sostido e á capacidade de abrir camiños para as xeracións futuras desde a excelencia técnica e humana”.
Na súa segunda edición, a distinción recaeu na enxeñeira informática Catalina Grimalt Falcó, subdirectora xeral de Organización e Recursos Internos do Port de Barcelona.
O recoñecemento será entregado por familiares de Ruiz Robles, mestra, pedagoga e inventora, recoñecida como a precursora do libro electrónico, que exerceu a súa profesión educativa en Ferrol; e pola catedrática de IA da Universidade Politécnica de Cataluña Karina Gibert, membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII, vicepresidenta 2ª do CCII e decana do Col·legi Oficial d’Enginyeria en Informática de Catalunya (COEINF).
O Premio Ángela Ruiz Robles rende homenaxe a unha figura pioneira da innovación tecnolóxica e educativa en España. Nacida en 1895 en Villamanín (León) aínda que fortemente vencellada a Galicia e especialmente a Ferrol, Ángela Ruiz Robles foi mestra, escritora e inventora. O seu incansable labor por modernizar a ensinanza e o seu espírito visionario levárona a desenvolver na década de 1940 a coñecida como "enciclopedia mecánica", precursora do que hoxe se coñece como o libro electrónico. O seu traballo, adiantado ao seu tempo, é símbolo do enxeño, a creatividade e a determinación feminina nun ámbito historicamente masculinizado.
Inspirado no seu legado, este galardón ten como finalidade recoñecer a excelencia profesional dunha muller enxeñeira informática cuxa traxectoria destaque polo seu impacto, liderado e compromiso co desenvolvemento tecnolóxico e a transformación dixital. O premio pon en valor a contribución fundamental das mulleres no ámbito da enxeñería informática, visibilizando referentes que impulsan a igualdade de oportunidades e fomentan vocacións femininas no sector.
Tamén Catalina Grimalt ofrecerá unha conferencia titulada Smart ports, despregue do 5G e a remodelación da infraestrutura TIC do Porto de Barcelona para la Copa América.
Catalina Grimalt, ademais de subdirectora xeral de Organización e Recursos Internos do Port de Barcelona, é directora xeral de Barcelona Port Innovation. Enxeñeira informática de formación, conta cunha rica experiencia profesional que inclúe firmas de consultoría como KPMG e EY. Está profesionalmente vinculada ao Porto de Barcelona durante máis de 20 anos, ocupando diversas responsabilidades en áreas tecnolóxicas, desde o desenvolvemento de aplicacións ata o seu actual rol de lideradoble. Ademais, participa activamente en varios consellos de administración, por exemplo, no de World Trade Center Barcelona ou o de Portic Barcelona. Desde a súa fundación ata o 2024 participou como xurado nos Premis DonaTIC organizados pola Generalitat de Catalunya e en diversas iniciativas de apoio ao rol da muller na enxeñaría. En 2014 recibiu o premio CIO do ano na Nit de les Telecomunicacions.
Ademais, celebrarase unha mesa redonda sobre Datos e Intelixencia Artificial como infraestruturas básicas das novas organizacións, moderada por Patrícia Yábar la Roca, membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e colexiada polo Col·legi Oficial d’Enginyeria en Informàtica de Catalunya (COEINF). Participarán diversas expertas: a catedrática de LSI e adxunta de Transferencia na Universidade da Coruña, Susana Ladra, tamén membro de Mujeres en Ingeniería Informática do CCII e vicepresidenta do CPEIG; a consultora sénior de datos, intelixencia e robots en Minsait, Tatiana Suárez; a científica de datos de INECO, consultora da Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial (SEDIA) do Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública, Núria Albó; por videoconferencia Luisa Sanz, voceira de Intelixencia Artificial no Congreso dos Deputados; e Catalina Grimalt.
