Santiago acolle o 1º salón do videoxogo galego e da cultura dixital, Píxel a Feira

venres, 7 de novembro do 2025 S. P.

O primeiro salón galego adicado en exclusiva ao videoxogo en Galicia inaugúrase mañá, 8 de novembro e estenderase ata o día seguinte 9 de novembro, estamos a falar de Píxel á Feira, que terá lugar no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela.
O encontro, organizado pola Deputación da Coruña, reunirá máis de 50 proxectos creados en Galicia, a cifra máis alta ata o de agora nun encontro deste tipo, e achegará unha ampla programación de actividades abertas ao público.
Indo a Píxel á Feira, sinalar que nace coa vontade de converterse nun punto de encontro anual para a industria galega do videoxogo, un espazo de intercambio entre profesionais, creadoras e creadores e público seareiro, amais dunha plataforma de difusión para dar visibilidade aos videoxogos feitos en Galicia e en galego.
“Queremos”, explica o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, “contribuír ao fortalecemento e visibilidade da industria galega do videoxogo, para que continúe promovendo novos produtos e se popularicen, e Pixel á Feira pon en común todo isto, ofrecendo un espazo inmellorable para a venda e a promoción das empresas do país”.
Píxel á feira reunirá videoxogos históricos, proxectos universitarios, propostas independentes e novas creacións, que compoñen unha panorámica diversa e chea de talento.
Entre os espazos a salientar está a exposición do MUVI (Museo do Videoxogo de Galicia), que amosará vinte e dúas pezas senlleiras da historia do sector no noso país. Na Zona Interactiva, o público poderá descubrir e xogar aos videoxogos que se están a facer hoxe en Galicia.
O Escenario 1-1 acollerá máis de trinta actividades que conectan industria, cultura e lecer. Haberá encontros profesionais sobre tradución e localización en galego, educación e selo galego do videoxogo, amais de citas divulgativas música ou podcasts.
Na Zona Mercado, o público atopará tendas, librarías, artistas e marcas vinculadas á cultura dixital e ao coleccionismo . Na Zona Arcade e Torneos, poderanse probar máquinas orixinais como as de Daytona USA (1993), con ata oito xogadores simultáneos e participar en competicións de títulos clásicos e actuais como Tetris Sonic Windjammers Mario Kart 8 DX Street Fighter 6 ou Super Woden GP 2.
Cómpre subliñar o Escenario DLC, un espazo participativo que naceu dunha convocatoria aberta á comunidade galega do videoxogo. O programa combina presentacións, obradoiros e conversas que amosan a diversidade e a creatividade do sector.
Alén da feira en si, o sábado 8 de novembro tamén se levará a entrega de premios do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña (Escenario 1-1, 18.30 horas) que recoñecerá a calidade e innovación dos proxectos creados ou traducidos ao galego.
Sinalar que todas as actividades son de acceso libre e os horarios poden consultarse na web da feira.