Santiago acolle unha relevante xornada sobre mulleres que collen as rendas do sector TIC

venres, 2 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

O vindeiro 16 de marzo celebrarase en Santiago de Compostela unha completa e interesante xornada sobre as importantes posibilidades de enriquecemento que se abren nas empresas TIC de todo coa incorporación da muller a todo tipo de postos de relevancia. A sesión, que se vai desenvolver co epígrafe A era tecnolóxica: un desafío para as empresas e os seus líderes, vén da man de AUDICON e a Asociación para el Progreso da Dirección (APD), e conta (no que a nosa terra se refire) coa colaboración activa do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Executivas de Galicia, Mindset, e Valora Consultores. A xornada terá lugar no Auditorio ABANCA, no número 23 da rúa do Preguntoiro, en horario de 9:00 e as 14:30 horas.
A xornada busca pór de relevo dous feitos que, en palabras dos organizadores, son a todas luces incontestábeis: “Estamos convencidos de dúas cousas; a primeira, que ningunha actividade económica poderá sobrevivir se non integra a tecnoloxía ao seu modelo de negocio e ao seu quefacer cotián; e a segunda, que é imprescindíbel que as mulleres estean presentes nesta revolución tecnolóxica que estamos a vivir e que é noso deber outorgarlles visibilidade”.
Para incidir neste obxectivo de “dar visibilidade” participarán na sesión empresas e profesionais referentes en Santiago de Compostela para falar de tecnoloxía, talento e “do imprescindíbel papel da muller no proceso de crecemento das organización”. Participará como relatora a directora financeira en Ebay Internacional, Laurent St. Clair, e outros representantes de organizacións como a Fundación Telefónica (Rosa María Sainz e Milagros Sainz), Bahía Software (Ana Armada), MindSet (Mónica Quintana), Gamering (Txema Arnedo), Accenture (María José Sanz), Gradiant (Luis Pérez Freire), Clun (Adali Morales), Executivas de Galicia (Carla Reyes Uschinsky), Inteligenz (Cristina Aranda), Eventim.com (Basola Vallés), e docentes da Universidade de Santiago de Compostela (Ángeles Romero ou Elela Vázquez Cendón).

PUBLICIDADE