Santiago acollerá este xoves a décima gala do certame de contidos galego-portugueses aRi[t]mar
martes, 28 de outubro do 2025
O Pazo de Raxoi (Santiago) deu acollida este martes 28 de outubro á presentación oficial da décima edición da Gala aRi[t]mar Galiza e Portugal, o proxecto cultural que une ambos territorios a través da música e da poesía, e tamén dos contidos na Rede. O evento terá lugar o vindeiro xoves 30 de outubro no Auditorio de Galicia, e entregará galardóns a Mondra, Diogo Piçarra, Elba Pedrosa e Cátia Cardoso.
No acto participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o director da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago e organizador da gala, Gonzalo Constenla; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a poeta e xornalista Elba Pedrosa, premiada nesta edición; e o representante de Nordesía Producións, Vítor Belho.
Durante a súa intervención, as autoridades destacaron o papel de aRi[t]mar como “espazo de encontro, difusión e celebración da creación artística nos dous países”, así como “o espírito de cooperación cultural presente desde os comezos do proxecto”.
A alcaldesa remarcou o apoio do Concello a este “proxecto de reivindicación da lingua” e valorou que “Santiago é lugar especial na recepción e a sensibilidade na promoción da lingua e a cultura galega e portuguesa”.
Constenla sinalou que aRi[t]mar é un “proxecto pedagóxico que transcendeu os muros da EOI e que conta cunha ampla participación da sociedade con máis de 12.000 votos”. Este ano, co gallo do décimo aniversario, a organización elaborou unha publicación conmemorativa para facer un repaso por todas as edicións, lembrando a todos os premiados.
Elba Pedrosa apuntou que a gala “pon o foco na diferenza e une os pobos” e Valentín García sinalou que o “prestixio da lingua aumenta cando vemos que somos recoñecidos noutros territorios, cando hai unha interlocución coa lusofonía”.
O secretario xeral de Lingua felicitou ás persoas que “fan posible que esta proposta chegue ao seu décimo aniversario potenciando esa unión entre as nosas dúas culturas a través de dúas disciplinas tan significativas a nivel comunicativo e que prestixian en boa maneira a nosa lingua”.
Valentóin García tamén trasladou os seus parabéns ás persoas galardoadas: Mondra, Premio á Mellor Música do Ano en Galicia; Diogo Piçarra e Pedro Abrunhosa, Premio Mellor Música do Ano en Portugal; Elba Pedrosa, Premio á Mellor Poesía do Ano en Galicia, e Cátia Cardoso, Premio á Mellor Poesía do Ano en Portugal. Así mesmo, o municipio de Braga recibe unha distinción co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-Lusófona.
Como dixemos, a Gala aRi[t]mar terá lugar o vindeiro xoves 30 de outubro ás 20.30 horas no Auditorio de Galicia, con entrada libre e gratuíta ata completar capacidade da sala. O espectáculo estará conducido por Tati Moyano e Xurxo Souto e contará coas actuacións dos ditos artistas gañadores do certame.
As votacións celebráronse en marzo mediante un proceso aberto. A través dese mecanismo seleccionáronse as propostas finalistas en dúas categorías principais —Mellor Canción (Galiza e Portugal) e Mellor Poesía (Galiza e Portugal)— e, ademais, un Premio Especial do Xurado recoñece o labor destacado na promoción da amizade galego-lusófona. Agora, na gala do xoves, serán entregados os galardóns aos artistas gañadores, que simbolizan a excelencia creativa nas beiras do Miño.
Premios da música e poesía galego-portuguesa
aRi[t]mar é un proxecto didáctico e cultural que busca afianzar os vínculos lingüísticos e culturais entre ámbalas beiras da raia, divulgando a música e a poesía galego-portuguesa actuais. Conta co patrocinio da Xunta, da Deputación da Coruña, do Concello de Santiago, do Instituto Camões e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal. Ademais, tamén colaboran neste proxecto a Facultade de Filoloxía da USC, o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, as Escolas Oficiais de Lugo e Pontevedra, o Centro Cultural Português de Vigo-Instituto Camões e os centros do Ensino Português a través de Camões na Galiza.
Presenza na Rede
O certame conta cunha web renovada dende a que se dá pulo á creación musical e poética da mocidade galego-lusa. Compleméntase coa plataforma de contidos play.aritmar.com, que aglutina músicas e poesías dos diferentes artistas que resultaron gañadores ou optaron aos diferentes premios dentro de cada categoría nalgunha das edicións do aRi[t]mar, vixente desde 2016.
Os contidos son accesibles a través de vídeos musicais e vídeo-poemas, principalmente. Porén, a aplicación web tamén conta con versións escritas das poesías, así como das letras das cancións, e mais con material que tenta enriquecer a experiencia de uso. Ademais, as persoas usuarias poden acceder a todos os materiais a través dun navegador calquera desde o dispositivo que desexen, pois a visualización é moi semellante á dunha app, aínda que coas vantaxes e flexibilidade propias dunha versión web.
