Santiago acollerá unha xornada formativa profesional sobre mercados internacionais do sector audiovisual
luns, 6 de abril do 2026
O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá o vindeiro 14 de abril unha xornada formativa centrada nos mercados internacionais do ámbito audiovisual, na que a Xunta de Galicia reunirá expertos e profesionais co obxectivo de analizar as claves e sinerxías deste tipo de encontros. A iniciativa, organizada a través da Asociación Galega de Produtoras Independentes, inscríbese no programa Galicia ProFilme da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, orientado a favorecer a progresiva capacitación e profesionalización do sector.
A sesión ofrecerá unha visión práctica, directa e actualizada dos principais mercados audiovisuais exteriores, con especial atención ás citas máis relevantes que teñen lugar en Portugal, Francia, Bélxica e os Estados Unidos. O propósito é proporcionarlles aos axentes da industria ferramentas útiles para a toma de decisións estratéxicas no ámbito da internacionalización, en liña coa convocatoria de subvencións para a proxección exterior do audiovisual galego en festivais, mercados e foros de negocio que mantén aberta a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Coa participación de profesionais de recoñecido prestixio, abordaranse cuestións clave como as vías de acceso a estes mercados, os modelos de colaboración dispoñibles e os principais retos que afrontan as produtoras na proxección internacional dos seus proxectos. O encontro contará coa intervención de Luis Costa, produtor en Olhar de Ulisses e presidente da Associação de Produtores do Norte e Empresários Independentes do Audiovisual (Portugal); Valérie Delpierre, produtora en Inicia Films (Francia-Bélxica); e Álvaro Saracho, vicepresidente de Estratexia e Operacións de Produción en The Immigrant (Estados Unidos).
A xornada será de carácter gratuíto, aínda que será necesario formalizar a inscrición previa ata o 13 de abril. Ademais, as persoas interesadas poderán solicitar con antelación a súa participación nas reunións individuais incluídas no programa.
