Santiago acolleu a presentación do proxecto que revolucionará o noso sector lácteo: Smartz4Milk

martes, 9 de xullo do 2024 S. P.

Esta mañá celebrouse en Santiago de Compostela o acto inaugural do proxecto Smartz4Milk, que busca incrementar con tecnoloxías avanzadas e intelixentes a competitividade, a sustentabilidade e a resiliencia do sector lácteo galego, cun investimento total de 16,8 millóns de euros e unha axuda concedida de 9,7 millóns de euros, financiada polo Ministerio de Industria e Turismo (MINTUR) e a Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU.
O acto foi inaugurado por Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, Pedro Blanco, delegado do Gobierno en Galicia, e Juanjo De la Cerda, director executivo de CLUSAGA, quen destacou a importancia estratéxica desta iniciativa para o desenvolvemento sustentábel e a innovación en Galicia e o futuro do sector lácteo.
O presidente da Xunta valorou que “iniciativas como esta permiten, ao mesmo tempo que se moderniza a industria, ofrecer un produto de calidade aos consumidores e ser exemplo de que se pode avanzar mentres se protexe o medio ambiente”. Puxo en valor, ademais, a especial relevancia que ten que Galicia lidere este proxecto, en tanto é a primeira Comunidade produtora de leite en España e concentra a máis da metade dos gandeiros do país.
Pola súa banda, Pedro Blanco, delegado do Gobierno en Galicia apuntou que “este é un verdadeiro exemplo do que toda unha industria unida e co apoio do Executivo pode conseguir, creando sinerxías entre o mundo académico, científico, económico e industrial que desembocan en beneficio de todas e todos os galegos” Ademais, subliñou o retos que ten por diante o sector agroalimentario galego “referente en Europa”, como o de camiñar cara a novos modelos de produción máis respectuosos co medio.
Juanjo De la Cerda, CEO de CLUSAGA afirmou que “esta iniciativa representa non só un avance significativo na tecnoloxía e a sustentabilidade do sector lácteo, senón tamén unha visión audaz cara ao futuro da nosa industria”. Segundo dixo, CLUSAGA busca con esta iniciativa “posicionar a Galicia como un referente na industria alimentaria global, promovendo a innovación, a adopción de tecnoloxías avanzadas e as prácticas que reduzan o impacto ambiental; e fomentando un ecosistema de innovación dinámico e colaborativo”.
Despois da benvida institucional, os socios do consorcio do proxecto tomaron a palabra. Baixo a moderación de representantes de Medrar Smart Solution e da Agrupación industrial Alimentaria de Galicia, debulláronse os obxectivos específicos do proxecto, que se executarán até xuño de 2025 centrándose nos tres eixos fundamentais: sustentabilidade, dixitalización e trazabilidade.
Segundo fixeron saber os responsábeis do proxecto, cada unha das empresas socias desempeña un papel crucial na implementación e éxito das metas establecidas para fortalecer e transformar o sector lácteo galego.
Grupo Lence, como empresa líder, coordina as actividades globais, desenvolve produtos sustentábeis e mellora a xestión integral mediante tecnoloxía avanzada; CAPSA FOOD céntrase na investigación de materiais sostíbeis para envases lácteos, descarboniza procesos usando insectos e microalgas, e desprega ferramentas de dixitalización e Intelixencia Artificial; Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) desenvolve e implementa sistemas para a automatización e dixitalización da cooperativa co obxectivo de crear unha cadea valor láctea intelixente, rastrexábel, respectuosa co medio e conectada; Agrupación de Cooperativas Lácteas (ACOLACT) traballa na recuperación de nutrientes e subproductos, reduce o uso de auga e minimiza a pegada de carbono con sistemas pechados de refrixeración; Bico de Xeado (CAP Coruña) desenvolve sistemas de xestión integral, implementa sensórica avanzada para control de calidade e seguridade; Queizuar introduce sistemas de hixienización industrial sostíbeis e control en tempo real para mellorar a trazabilidade e seguridade alimentaria; e Queixería Prestes aproveita subproductos lácteos, desenvolve bioplásticos e sistemas de envasado de última xeración.
En canto ás empresas tecnolóxicas, Grupo AMSlab utiliza técnicas de proteómica para garantir a calidade e trazabilidade das proteínas lácteas; ASM Soft desenvolve plataformas para a captación e a integración de datos industriais en tempo real; Plexus Tech desenvolve unha plataforma global baseada na cadea de bloques (blockchain) para asegurar a trazabilidade; e Sixtema crea ferramentas para a vixilancia de datos de calidade e seguridade alimentaria.
Ademais, universidades e centros de investigación como a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Tecnolóxico de Galicia (ITG) son claves no desenvolvemento tecnolóxico, achegando coñecemento científico e soporte técnico. O proxecto tamén conta coa participación de 40 empresas tecnolóxicas de toda España.

Mesa redonda e análise do sector

Durante o acto, representantes da Organización Interprofesional Láctea (INLAC), a Asociación Española de Codificación Comercial (AECOC), a Federación Española de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB) e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) participaron nunha mesa redonda, analizando as claves do futuro da cadea de valor láctea.
A xornada concluíu cunha exposición sobre as oportunidades derivadas da segundo convocatoria do PERTE Agroalimentario, presentada polo director da Oficina Técnica do Comisionado especial para o PERTE Agroalimentario, Galo Gutiérrez, que ofreceu información sobre novas oportunidades de financiamiento e apoio para as empresas do sector, ademais de valorar positivamente o proxecto Smartz4Milk. Gutiérrez anunciou que “o proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE) Agro 2 abrirá o prazo para presentar os proxectos en setembro". Ademais, confirmou que dentro deste PERTE outorgaranse 100 millóns de euros en subvencións, aos que se sumarán outros 200 millóns máis en forma de préstamos noutra convocatoria.

PUBLICIDADE